Primeira denuncia penal polo posible “vertido tóxico” das balsas da antiga mina de Monte Neme

Imaxes da galería da antiga mina do Monte Neme que rebentou

Despois da desfeita ambiental acontecida este sábado, cos vertidos producidos polo rebentón dunha das galerías da antiga mina do Monte Neme, chegou xa a primeira denuncia oficial. 

Ecoloxistas en Acción presentou este luns, 2 de febreiro, unha denuncia penal nos xulgados de Carballo por presuntos delitos contra o medio ambiente en relación coa falla crítica dunha balsa de residuos mineiros da mina de Monte Neme. A denuncia diríxese contra responsables políticos e técnicos da Xunta de Galicia, así como contra as empresas integrantes da UTE MONTENEME, encargadas das obras de restauración da explotación mineira, aprobadas por un millón de euros en 2024 tras 10 anos de absoluto abandono.
Entre as persoas denunciadas atópanse a conselleira de Economía e Industria, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas e un enxeñeiro de minas do departamento territorial da Coruña.

A falla, moi similar á que levou a un desastre ambiental en 2014, produciuse nunha das balsas situadas ao sur da explotación, provocando o vertido incontrolado dun gran volume de augas contaminadas con metais pesados, que descenderon ata o Rego de Tuixe, o Rego dos Riás e finalmente a Praia dos Riás, dentro da ZEPA Costa da Morte, espazo protexido da Rede Natura 2000. O vertido ocasionou danos ambientais visibles ao longo de todo o percorrido e obrigou ao corte dunha estrada local entre Leiloio e Aviño.

A organización ecoloxista desmente as versións oficiais que apuntan a un accidente fortuíto causado polas choivas ou pola existencia dunha galería “descoñecida”. Segundo a documentación achegada, a galería pola que se produciu o baleirado da balsa estaba perfectamente inventariada desde polo menos 1998 en documentos oficiais da propia Administración autonómica.

Ecoloxistas en Acción considera que a falla está directamente relacionada cos traballos de restauración impulsados pola Xunta de Galicia, iniciados en decembro de 2025, durante os cales se realizaron importantes movementos de terras que provocaron o desprazamento das augas contaminadas cara a unha balsa que non reunía condicións de estabilidade suficientes. Parte destas augas deberían terse sometido a un proceso de tratamento, que supón máis da metade do orzamento do proxecto, financiado con fondos europeos Next Generation.

A denuncia subliña tamén a contradición entre as análises oficiais actuais, que descartan contaminación poucas horas despois do vertido, e as realizadas tras a falla de 2014, cando Augas de Galicia confirmou a toxicidade das augas e lodos vertidos desde a mesma mina. Aquela rotura, ocorrida hai doce anos, verteu máis de 24.000 metros cúbicos de augas contaminadas, causando danos por centos de miles de euros e afectando gravemente ás parroquias de Aviño e Razo da Costa.

 

Para Ecoloxistas en Acción, o sucedido o 31 de xaneiro non é un feito illado, senón "a consecuencia de décadas de abandono, falta de control e actuacións administrativas irregulares, a pesar de que a perigosidade das balsas de Monte Neme está documentada en múltiples inventarios oficiais desde finais dos anos noventa".

A organización solicita ao xulgado a apertura de dilixencias previas, a toma de mostras e análises independentes das augas e sedimentos, así como o requirimento de toda a documentación administrativa e técnica relacionada coa mina, coas obras de restauración e coas autorizacións de vertido.

Monte Neme vertido 2 copia

Críticas de Rueda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, falou ás portas do Parlamento, e sinalou que espera que haxa unhas conclusións "rápidas" sobre as causas da rotura da balsa. Criticou a rapidez da denuncia, "sen esperar sequera a un ditame técnico que se vai a producir moi pouco tempo despois de que se producise este desprendemento".

Respecto diso, aclara que as obras de restauración impulsadas pola Xunta realízanse "non na zona na que se produciu o derrubamento". Pide esperar ás conclusións técnicas sobre o sucedido, que prevé que se coñezan esta semana, aínda que indica que as primeiras hipóteses da Xunta apuntan ás "choivas destes días". Asegurou que si que fan "análises e seguemento" das balsas, pero non explicou que traballos se levan realizado dende a aprobación do proxecto de restauración ambiental en outubro 2024.

Asegurou ademais que as primeiras "análises "acreditan" que "non se produciu contaminación en ningún acuífero nin no que estaba a chegar ata o mar". 

 

Máis novas