luns. 02.02.2026
El tiempo

O PSOE esixirá analítica da auga tralos vertidos da antiga mina de Monte Neme

PSDEG Monte Neme
O PSOE esixirá analítica da auga tralos vertidos da antiga mina de Monte Neme

O PSdeG esixirá no Parlamento de Galicia que Augas de Galicia realice analíticas da auga na contorna afectada polo rebentón dunha galería da antiga mina de Monte Neme, co obxectivo de comprobar se existe contaminación. A demanda baséase en que nesta zona se extraeu volframio no pasado e en que a auga afectada acabou desembocando no mar, polo que resulta fundamental coñecer o seu estado e evitar calquera risco ambiental.

Así o anunciaron nunha rolda de prensa realizada no epicentro do suceso, na que a parlamentaria Patricia Iglesias se presentou con representantes das agrupacións socialistas locais de Coristanco, Carballo, Malpica e Ponteceso. Anunciaron que PSdeG presentará unha batería de medidas preventivas, incidindo na necesidade de anticiparse e actuar con planificación, e non de maneira reactiva, para impedir que episodios coma este se repitan.

Lembran que a rotura da galería provocou un grave arrase ambiental, afectando de cheo ao entorno e causando importantes danos. 

Segundo denunciaron os socialistas, durante os últimos 12 anos non se adoptou ningunha actuación efectiva dende a Consellería de Economía para evitar unha situación deste tipo. Aínda que, por sorte, non houbo que lamentar danos persoais —algo que o PSdeG agradece profundamente—, o impacto ambiental e os danos ocasionados foron de gran magnitude.

Todos reclamaron responsabilidades á Xunta e subliñaron que é imprescindible garantir que unha catástrofe coma a de Monte Neme non se repita, nin neste punto nin en ningún outro territorio galego.

Comentarios