Venres. 26.04.2024
El tiempo

Teresa dos Cucos, Mestra da Memoria 2021

Teresa dos Cucos Mestre da Memoria
Teresa dos Cucos recibindo o Premio Mestre da Memoria
Teresa dos Cucos, Mestra da Memoria 2021

Celebraba a Asociación de Escritores en Lingua Galega a Gala de Premios Mestras e Mestres da Memoria 2021. O Cárcere Vello de Lugo acollía o pasado 29 de outubro unha gala moi especial, que hoxe podemos ver debullada vídeo a vídeo.

Este 2021, a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, decidiu facer entrega deste singular recoñecemento a Aurelio Ramos Ogando (de Alén, Xirazga, Beariz), e tamén á nosa Teresa dos Cucos (Teresa Regía Pose), natual da aldea dos Cucos, parroquia de Santiso de Vilanova, concello de Malpica.

Esta brava bergantiñá leva toda a vida “contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular”, como destaca a entidade. Xa grandes do folclore galego como Mercedes Peón, Xurxo Souto, Sés, Xabier Díaz, ou as Tanxugueiras teñen reivindicado a súa importancia tras pasar pola súa casa da Pontella a aprender coplas que só permanecen na súa memoria. A televisión non lle é allea e xa ten pasado polo Luar ou o Alalá.

A Gala, na que Teresa estivo arroupada por moita familia, amigos e mesmo representantes do Concello, foi tremendamente emotiva. E máis emocionante foi o momento da recollida do recoñecemento. “Non son merecedora disto, pero digo que estou moi agradecida, moi contenta”, dixo ás portas dos seus 74 anos, antes de cantar un anaco da comparsa de Mens.

Xose Manuel Varela deu a laudatio de Teresa dos Cucos

Impactante e clarificadora foi a Laudatio realizada por Xosé Manuel Varela, O mestre cerquedán lembrou que a Costa da Morte xa ten sido protagonista nestes galardóns, como o refrendan os premios recibidos por Dolores Macías Pose, unha romanceira das Polafías de Cabana; o muxián Pazos de Merexo en 2018, ou o cormelán Serafín Mourelle.

Non deixen de ver as coplas que lle botou Teresa dos Cucos durante a Gala.

Teresa dos Cucos de coplas en Lugo

Novas relacionadas

Comentarios