A Xunta explica as causas da desfeita do Monte Neme “nas choivas e nas precipitacións” e no director da obra de restauración
Chegou ata o Parlamento Galego a segunda desfeita medioambiental na antiga mina do Monte. PSOE, BNG e PP debatiron sobre as responsabilidades da catástrofe acontecida o 31 de xaneiro, 12 anos despois doutro suceso semellante..
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, foi a primeira que advertiu que a “inacción prolongada” da Consellería de Industria nas minas abandonadas está detrás do derrubamento de Monte Neme. Iglesias acusou á conselleira de non ter feito “nada” dende o colapso dunha balsa de lodos hai 12 anos ata o derrubamento do pasado 31 de xaneiro, que rematou sen consecuencias graves “por pura chiripa”.
Iglesias esixiu “responsabilidade, transparencia e prevención” por parte da Xunta, que terá que facer fronte a unha denuncia no xulgado de Carballo por presunto delito medioambiental. Explicou que a responsabilidade da restauración e da seguridade é a autoridade mineira galega porque a empresa titular -vencellada co PP valenciano de Cotino, imputado pola Gürtel- entrou en concurso de acredores.
Tocoulle de seguido ao deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, que emprazou á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, a asumir responsabilidades pola súa actuación neglixente na mina, e advertiu dos problemas de seguridade que persisten na zona da vella explotación, onde vén de producirse un novo derrubamento e unha enorme fenda nun dos noiros. “O seu traballo, conselleira, era manter a seguridade na mina de Monte Neme, e incumpriuse. Que ten que pasar para que o seu goberno asuma algunha responsabilidade?”, preguntoulle o deputado nacionalista á conselleira, lembrando que levan 12 anos dende o primeiro accidente, sen tomar medidas de seguridade.
Choivas, precipitacións e o director da obra
Tomou aí a palabra Lorenzana. A Conselleira quixo debullar o que sabe a Xunta sobre as causas do accidente. “Preguntamos á empresa para coñecer que traballos estaba realizando e se hai vinculación entre os traballos e o sucedido”. Con informes na man, e malia asegurar que ela non dixo en ningún momento que puñan as chuvias como principais causantes do suceso, en realidade si que o dixo, de xeito literal, e por partida doble. “Os informes sinalan que a rotura foi provocada pola acción combinada da auga de choiva acumulada, e un episodio de intensas precipitacións, que deron lugar ao destaponamento desa antiga galería mineira, que non figuraba no proxecto que redactou Tragsa nin sequera da empresa que explotaba a mina”.
Foi aí cando ademais derivou a responsabilidade no director de obra, José Manuel Corbal, como xa fixera Ecoloxistas en Acción na súa denuncia, apuntando que como o plan de restauración está externalizado, debe ser o director da Obra, e non a Xunta, o que ten que supervisar as obras.
Novas da desfeita no Monte Neme
- 06-02-2026: Amplían a denuncia polo desastre de Monte Neme poñendo o foco no director de obra, José Manuel Corbal.
- 05-02-2026: Alertan á Xunta do perigo doutras das balsas da mina de Monte Neme.
- 02-02-2026: Primeira denuncia penal polo posible “vertido tóxico” das balsas da antiga mina de Monte Neme.
- 31-01-2026: Rebenta unha das galerías da antiga mina de Monte Neme provocando un verquido de lodos e o corte dunha estrada.
- 07-2021: A Xunta inicia expediente sancionador á mineira Eurobattery polas sondaxes ilegais en Castriz.
- 11-02-2014: A Costa da Morte sofre un pequeno Aznalcóllar.