venres. 06.02.2026
El tiempo

Carballo

Amplían a denuncia polo desastre de Monte Neme poñendo o foco no director de obra, José Manuel Corbal

Logo de que o pasado luns Ecoloxistas en Acción presentara nos xulgados de Carballo unha denuncia penal pola falla crítica dunha das balsas mineiras de Monte Neme, situadas entre Malpica e Carballo, a organización ecoloxista ven de ampliar a súa denuncia para incluir entre os presuntos responsábeis o director de obra e coordinador de seguridade, o enxeñeiro de minas José Manuel Corbal Debén, do cal xa temos falado en clave xudicial vinculado coas minas de Santa Comba.

Corbal foi o adxudicatario da licitación realizada pola Consellaría de Economía e Industria para os lotes 1 e 2 da obra de restauración da mina de Monte Neme, consistentes na dirección das actuacións, que precisamente se iniciaron poucas semanas antes da falla que se produciu na madrugada do pasado sábado.

Segundo o gerupo, "as chaves do desastre, que provocou que un enorme volumen de augas tóxicas se verteran monte abaixo cara a Praia dos Riás, dentro da ZEPA Costa da Morte, espazo protexido da Rede Natura 2000, foron os movementos de terra realizados nas balsas maiores, deslocando a auga almacenada para a balsa menor, que finalmente rebento".
Esta balsa contaba cunha galería transversal que xa fora inventariada pola Xunta en 1998 e que, de feito, logo do anterior desastre producido en 2014 cando rebentou a maior das balsas, fora proposta polo Concello de Carballo como galería de drenaxe. Ecoloxistas en Acción denuncia as falsedades da Xunta nos momentos iniciais, cando se informou que a galería era descoñecida e que os movementos de terra non gardaban relación co acontecido.
 

Corbal: Un historial de polémicas mineiras

Esta non é a primeira vez que Corbal está envolto en polémica. En 2009 foi un dos promotores da reapertura das Minas de San Finx, en Lousame, asinando un proxecto do ano anterior que excluía as presas de residuos mineiros e non prevía ningún tipo de tratamento para as augas contaminadas procedentes do interior da mina. A contaminación resultante levou á imposición dunha sanción de 180.000 euros por verteduras ilegais e aínda están abertas dilixencias penais en Noia por presuntos delitos ambientais.

Corbal tamén foi o promotor e director facultativo da Mina de Varilongo, en Santa Comba e Coristanco, e do proxecto “Corcel”, da sueca Eurobattery Minerals, que realizou sondeos ilegais. Como en San Finx, a mina viuse envolta noutro caso de verteduras ilegais e logo dun procedemento sancionador, a Xunta acabou por declarar a caducidade das concesións. 

Xa na Gudiña, en Ourense, Corbal é promotor xunto coa mesma empresa sueca doutro proxecto de volframio, sobre o que no mes de decembro un xulgado de Santiago abriu dilixencias penais por presuntos delitos de prevaricación. Este caso tamén abriu un conflito diplomático con Portugal, pois a pesar de que a mina está a tan só 2 km da fronteira, non se realizou o trámite de avaliación transfronteiriza.

Tamén foi asinou o polémico proxecto do vertedoiro de Toysal en Casalonga (Teo), situado sobre unha antiga canteira, e que foi paralizado en 2024 polo Tribunal Superior de Xustiza, logo de recoñecer que a actividades carecía de autorizacións válidas.

Máis novas

Amplían a denuncia polo desastre de Monte Neme poñendo o foco no director de obra, José Manuel Corbal