A Xunta pide paciencia para acometer as obras de seguridade do peirao de Malpica

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, reuniuse co alcalde de Malpica, Walter Pardo- Foto Xoán Crespo
A Conselleira do Mar instou ao Concello de Malpica a pedir axudas no GALP para adquirir un novo guindastre no porto de Barizo
Dende o pasamento en decembro de 2018 dun mariñeiro na entrada do porto de Malpica, levamos pouco máis dun ano de carreira por mellorar a seguridade. Despois de moitas protestas, en clave política, e mesmo da entrega de 10.000 sinaturas, a Xunta púxose a traballar nunha solución.

O pasado mes de outubro anunciaban a o proxecto de instalación radar que comezaba en decembro a medir o impacto das ondas e as correntes sobre o peirao. Hai un par de semanas que se instalaban 3 novos sensores e un dispositivo especial de medicisión

Onte, o alcalde malpicán Walter Pardo visitaba á Consellería para ver cando comezarán as obras, e atopouse cunha mensaxe de “calma” da Conselleira do Mar. Rosa Quintana pediulle que “deixe traballar aos técnicos para que poidan verificar a procedencia das medidas en estudo e advirte de que as présas poden levar a resultados contraproducentes”. “Hai que ser rigorosos”, argumentou a conselleira para xustificar os retrasos no comezo das obras.

Na xuntanza, na que tamén estivo o patrón maior da confraría, Pedro Pérez, a Xunta explicou que é o momento da “recollida de datos do comportamento da dársena co obxectivo de coñecer as necesidades que marcarán as pautas da licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao de Malpica”.

 

Peirao de Barizo

Outro dos temas abordados na xuntanza foi a disposición dun novo guindastre para poder pór en seco embarcacións no peirao de Barizo. Neste senso, Portos de Galicia xa analizara, hai meses e a instancia do anterior alcalde, a posibilidade de arranxo do existente, se ben se recomendou, ante o estado do mesmo e a falla de garantías de seguridade e viabilidade da reparación, optar pola súa substitución por un novo.

Para acometer esta nova instalación, a conselleira do Mar reiterou a posibilidade de que os usuarios soliciten diante do GALP unha axuda para realizar a adquisición e colocación do novo guindastre, sinalando que o prazo de solicitude estaría aberto ata o vindeiro 1 de marzo.

 

Novas relacionadas