Venres. 23.08.2019
El tiempo

A oposición ao completo obriga no Parlamento á Xunta a tomar medidas para o porto de Malpica

A oposición ao completo obriga no Parlamento á Xunta a tomar medidas para o porto de Malpica

Panorámica do complexo porto de Malpica-Foto-Fran Varela Saleta Por partida doble estivo esta semana o porto de Malpica no Parlamento Galego. O pasado venres era Loli Toja a que levaba a seguridade no peirao malpicán á comisión de pesca. E onte, tanto a parlamentaria socialista laxeira, como a portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado, e Luís Villares, voceiro de En Marea, levaron o tema ao mesmo Parlamento. Un asunto que ademais é exportable a todos os portos galegos. Ambos partidos lembraron o accidente do Silvosa, para reclamar melloras na seguridade. “Solucións técnicas hainas, querémolas. Nin un morto máis”, reclamou Prado, tras criticar a falta de concreción de prazos por parte da Xunta. “Medidas definitivas” reclamoulle Toja ao goberno galego. “É necesario incrementar a seguridade de xeito inmediato polo que esta obra debe executarse de maneira inminente” declarou Luís Villares. Os tres grupos asumiron, como propios as peticións da carta que a familia do finado patrón do Silvosa. “A súa morte é especialmente dolorosa porque neste caso púidose evitar. A entrada á nosa dársena foi deseñada de tal xeito que se forman a cotío correntes e remuíños que provocan un perigo innecesario todos os días e para todas as embarcacións”, explica a nai do patrón falecido na misiva, quen tamén remitiu un vídeo “de como deben realizar a entrada e a que velocidade para non ficaren atrapados nesta trampa mortal calquera día no que haxa un mar un pouco forte, que como saben son moitos nas cosas costas”. [fbvideo link="https://www.facebook.com/orgullosergalego/videos/857277904433478/?t=1" width="800" height="400" onlyvideo="1"]

O PP asegura que os técnicos “xa traballan en solucións

Ante este ataque en tromba da oposición, á conselleira do Mar, Rosa Quintana, tivo que saír ao paso asegurando que “os técnicos da Xunta están a barallar diferentes melloras na seguridade do porto de Malpica como a rebaixa da canle de acceso na comporta para gañar calado e a eliminación de rebordes que distorsionan as correntes nesa canle”. Ademais, engadiu a titular de Mar, “estase a analizar a influencia que na axitación e correntes podería ter a ampliación do martelo do dique ou a construción dun contradique na zona de terra”. A Conselleira asegurou que “as distintas opcións están a ser analizadas coa participación e coñecemento da confraría malpicá”.

Posibles solucións

O voceiro nacional de En Marea, Luís Villares, despois de reunirse con representantes da confraría de Malpica, apunta que “entre as solucións que apuntan a longo prazo é modificar o sistema de correntes de entrada ao porto o que require necesariamente a construción dun espigón en ángulo a continuación do anterior. Esta actuación non é suficiente”, sinalou o voceiro de En Marea, “xa que é necesario tomar medidas a curto prazo que permitan incrementar a entrada e saída ao porto que se efectúa por medio dunha comporta que ten que ser rebaixada para ao seu tempo rebaixar un escalón que está situado xusto debaixo da mesma e provoca unhas correntes que fan que os mariñeiros teñan que loitar tanto na entrada como na saída coas correntes coas súas embarcacións”. Monste Prado no Parlamento Galego Monste Prado no Parlamento Galego

Base de Salvamento

A parlamentaria nacionalista, Monste Prado aproveitou para sacar de novo o tema da base de salvamento marítimo de Cee, pechada desde hai catro anos, “arredor de dous millóns de euros malgastados nun heliporto e nunha nave inoperativa e coas instalacións pechadas, ao que hai que sumar os trece millóns de euros da adquisicións dun helicóptero que agora ten a súa base en Santiago a 70 quilómetros da costa, todo un despropósito”, criticou, que demora os tempos de resposta. “Atenda ás demandas que chegan desde Malpica, pero con prazos, e traballe para dotar un salvamento marítimo acorde ás necesidades da nosa frota e dote dunha base operativa na Costa da Morte para salvar vidas”, concluíu Prado.

Máis investimentos

Pola súa parte, a socialista Loli Toja, reclamou “investimentos en sistemas antiafundimento, o cumprimento dos compromisos para sinalizar as bateas e artefactos flotantes que poñen en perigo ás embarcacións, realizar as dragaxes pendentes nos portos e cumprir co Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, que establece a mellora da seguridade como unha das liñas prioritarias de actuación”. Toja reclamou que restauren o millón de euros en saúde e seguridade que había nos orzamentos de 2017 e que foi reducida ata 300.000 euros e que “non van deixar sen executar 6 de cada 10 euros”. Esixiulle ao goberno galego que “tome en serio a seguridade dos galegos e galegas que traballan no mar”. Loli Toja no Parlamento Galego Loli Toja no Parlamento Galego  

Novas relacionadas

 

Comentarios