As ‘Zoquiñas vermellas’ saíron do forno para quecer o 8M
O Concello de Malpica, no marco do seu ambicioso programa do 8M, presentou onte de xeito oficial o proxecto das ‘Zoquiñas vermellas’, a adaptación do movemento internacional de Elina Chauvet, un proxecto artístico que naceu en resposta á oleada de feminicidios en Ciudad Juárez na década dos 90, incluída a propia irmá da artista, asasinada polo seu marido.
Esta idea xurdiu durante unha xuntanza en Manises coa Asociación das Cidades da Cerámica, xa que en Italia facían algo similar. Nun primeiro termo, comezouse coa realización de obradoiros abertos a cargo da asociación oleira, para facer zoquiñas de barro., gracias á colaboración entre Concello de Malpica, a asociación Visibles e a asociación Mirabal, á que se destinaran a totalidade dos fondos recadados.
A partir de hoxe haberá puntos de venta fixos para os broches de zoquiñas vermellas, sendo a recadación doada ao proxecto da asociación Mirabal, que presta axuda ás vítimas de violencia de xénero. Estes ‘zapatiños’ serán protagonistas en diferentes lugares de Malpica, nos que a olaría de Buño, un dos símbolos de identidade da vila, servirá como reivindicación a nivel internacional, un “berro contra a violencia machista”.
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, quixo destacar que “hoxe estamos aquí para visibilizar que o cambio é posible. Quero agradecer á asociación Visibles e á concellería de Igualdade o seu traballo, por facer que Malpica estea no mapa a nivel galego e incluso estatal; por desenvolver unha iniciativa pioneira en Galicia e da que as malpicás e os malpicáns estamos moi orgullosas e orgullosos”, destacaba o rexedor.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Leticia Varela, quixo “agradecer o esforzo da asociación oleira en xeral, de Visibles, de Mirabal e de todo o público que tan ben acolleu a nosa iniciativa. A Carmen Isabel Labrador e Olalla pola súa adicación, e por facer realidade un proxecto único”, remataba a edil.
Noite Lila
Unha das accións máis simbólicas deste 8M malpicán desenvolverase este sábado, ca marcha nocturna de mulleres, coñecida como "A noite lila: A rúa é nosa!", pre-folga do 8 de marzo. “Porque todas as mulleres teñen dereito a camiñar sen medo de noite pola rúa; hoxe e calquera outro dia. O percorrido será circular, e a saída será ás 19:30 horas na praza Villar Amigo.