Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Costa da Morte ponse as zoquiñas vermellas para celebrar un completo #8M

  • Guía completa de accións polo 8M na bisbarra
Zoquiñas Vermellas da Oleria de Buno
Zoquiñas Vermellas da Oleria de Buno
A Costa da Morte ponse as zoquiñas vermellas para celebrar un completo #8M

Despois da manifestación nacional en Verín, con presencia costeira, e que serviu de pistoletazo de saída ás accións do Día Internacional da Muller, a Costa da Morte ponse as lentes violetas e as “zoquiñas vermellas” para celebrar, por todo o alto, este 8 de marzo.

Unhas Zoquiñas Vermellas que serven de fío condutor para o completo programa do Concello de Malpica, un dos máis comprometidos neste ano. Traer esa iniciativa internacional que encheu prazas de zapatos pintados de vermello simbolizando as vítimas de violencia de xénero, é unha das liñas prioritarias deste programa que terá na Andaina nocturna da Noite Lila do sábado 7 un dos puntos importantes.
Xa coñecememos tamén o o programa feminista e diverso do IES Maximino Romero de Lema, e hoxe imos centrar noutras propostas municipais, e sobre todo, nas iniciativas conxuntas que veñen artellando os 4 colectivos feministas da Costa da Morte, máis unid@s que nunca para esta ocasión.

Comezamos por esta creación conxunta, “Goberno a miña vida como a mí pete!”

Actividades dos Colectivos femimistas

As reunións abertas dos colectivos e a veciñanza, no marco do chamado encontro de Galegas 8M Costa da Morte-Bergantiños, acordou unha serie de mobilizacións repartirdas en 4 puntos da comarca, Carnota (da Man da Asociación Sonlilá co apoio municipal), Cee (da man da Organización Buserana), Vimianzo (cas Curandeiras e o Concello) e Carballo (da man do Círculo Feminista de Carballo e o Concello):

Un día antes, o 7 de marzo, ás 12:00 do mediodía farase cadea humana de mulleres que percorrerá a praia de Carnota, un dos lugares máis emblemáticos do noso territorio. Todas con algo violeta ben visible, collidas da man para xuntar forzas coas nosas veciñas, amigas e aliadas.
Xa ás 20:00h dese mesmo día 7, Vimianzo acollerá unha Concentración Festiva, con toda a forza, alegría e sororidade que leva a batukada das Curandeiras.

O propio 8 de marzo, organizarán ás 12:00 do mediodía unha manifestación unitaria da Costa da Morte-Bergantiños en Cee, onde Galegas 8M levará o lema "Sen coidados non hai vida".
E pola tarde, ás 19:00 h, pecha o programa outra manifestación en Carballo, que sairá dos xulgados.

Actividades na Costa da Morte polo 8M

Muxía: 10 anos da Galería Mulleres

O Concello de Muxía conmemora o 8 de Marzo este ano celebrando os 10 anos de existencia da Galería Mulleres, un Programa desenvolto por Viki Rivadulla que busca visibilizar a aportación das mulleres á sociedade.  Con este motivo, o Concello de Muxía levará durante todo o mes de marzo unha exposición itinerante aos centros de Secundaria e Primaria do municipio. A mostra estará na primeira semana de marzo no IES Ramón Caamaño, e o xoves 5 de marzo farase unha presentación ao alumnado para que coñezan mellor o programa e os seus obxectivos. Logo pasará ao CEIP Vilarmide que terá a presentación o día 10 e rematará a mostra no CEIP Os Muíños e coa súa presentación na última semana do mes.

"Zas pola igualdade"

O programa comeza o 14 de marzo coa proxección da curtametraxe “As tres caídas de María Santiso” que terá lugar ás 19:00 horas no Auditorio do Concello. A familia, o rural, o fogar e a muller son os temas principais deste traballo protagonizado por Lucía Veiga e que se estreou na 41 Semana de Cine de Lugo onde acadou o Premio do Público á Mellor Película Galega.

“A compañeira de piso”, da compañía Contraproduccións, é a seguinte actividade incluída dentro do programa “Zas pola igualdade” que terá lugar o sábado 20 de marzo no Auditorio Municipal de Baio ás 21:00 horas. Esta é unha obra de teatro dirixida a todos os públicos e na que se tratan os temas da idade, a muller e a identidade.
O público familiar será o principal destinatario das sesións de contacontos infantil que terán lugar o 23 de marzo, na Biblioteca Municipal de Zas, e o 30 de marzo, na Axencia de Lectura de Baio. Nos dous casos, as sesións comezan ás 18:00 horas e baixo o título “Planeta LGTB” abordarase dun xeito fresco e divertidos temas como a diversidade e os estereotipos culturais.

zas-pola-igualdade-2020 copia

Carreira de obstáculos pola igualdade en Vimianzo

Simnbolizando os obstáculos que as mulleres teñen que superar nesta sociedade, e aproveitando que contan con especialistas de talla mundial como Damián Espasandín, o Concello de Vimianzo organiza unha carreira de obstáculos pola igualdade destinada ó alumnado de primaria do CEIP de Baiñas e do San Vicenzo de Vimianzo para conmemorar o 8-M, Día internacional da Muller.

Trátase dun recorrido que desenvolverá na Praza do Concello e consta de 9 obstáculos, un por cada reto ao que se enfronta a muller na súa vida cotiá que o alumnado terá que superar de maneira simbólica: seguridade, liderado, conciliación, violencia, corresponsabilidade, brechas, teitos, empoderamento e visibilidade.
Carreira de obstáculos

Actividades do CIM de Cee

A Concellería de Igualdalde do Concello de Cee e o CIM preparan varias actividades. O venres 6 de marzo, as 10.30h. o VI almorzo-tertulia no Centro Social, ó que acudirá como invitada a directora do hospital, Carmen Otero Suárez, falárase das condicións e dereitos laborais das mulleres, entre outros. Ás 12.00h. terá lugar a lectura do manifesto na Praza 8 de Marzo.( si chove será no mercado municipal).
Os días 10, 13, 30 e 12 haberá obradoiros de prevención da violencia de xénero que se impartirán nos institutos de ensinanza secundaria IES Agra de Raíces, IES Fernando Blanco e CPR Manuela Rial Mouzo.
O dia 30 a obra de teatro Golpes na Casa de Cultura ás 12:00h.

Concello de Corcubión

Corcubión varias citas. O xoves 5 de marzo, Sergio Trillo fai un taller de risoterapia para mulleres ás 18:00h na Casa da Cultural. Palmira Castro fai o 9 de marzo un obradoiro no CEIP Praia de Quenxe.

E a acción principal será o propio domingo 8 de marzo, coa lectura, na Praza de Castelao, ás 13:00h, do manifesto, coa performance das Lavandeiras e a Muiñeira do Río Cereixa.

Dia da Muller 2020 Concello de Corcubion

Pioneiras en Camariñas

Camariñas celebra o 8M, Día da Muller, con cine, coeducación e un debate sobre ‘Pioneiras, mulleres mudando o mundo’. As actividades comezan o sábado, 7 de marzo, ás 19:00h no Museo do Enxaixe, cun debate sobre “Pioneiras, Mulleres mudando o Mundo” no que participarán a escritora María Xosé Queizán; Silvia Viqueira de Xornalistas Galegas; a árbitra de fútbol internacional, Zulema González; a armadora e mariscadora, Jaqueline Liste; e a activista feminista, Rosa Gómez Limia. A mesa estará moderada pola ex Secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara; e pola concelleira e ex deputada no Parlamento de Galicia, Encarna Liñeiro.

Asemade, o IES Plurilingüe Pedra da Aguia acollerá o martes 10 de marzo ás 16:30 unha actividade adicada ao alumnado da ESO cunha Máster Class impartida polo creador David Fidalgo Omil, nominado aos Premios Goya 2020 na categoría de mellor corto de animación con “Homomaquia”.
Proxectarase a súa obra ‘Rosa y Azul’ na que se fai unha crítica a través de varios clips de animación sobre o machismo da sociedade actual e posteriormente o director impartirá a charla sobre os estereotipos sexistas da obra e da industria audiovisual.

Pioneiras - Mulleres Mudando o Mundo

8M en Ponteceso por Asunción Antelo

O Concello de Ponteceso desenvolverá xunto coa Casa da Muller, a Fundación Eduardo Pondal e a Indicación Xeográfica Protexida “Ternera Gallega” un  programa de actividades en homenaxe   Asunción Antelo (1919-2016), a “Rexoubeira de Bergantiños”, unha artista polifacética e autodidacta, que dedicou a súa vida á escritura e á escultura converténdose nunha precursora e nunha muller adiantada ao seu tempo.
Os actos arrincarán ás 12.30 horas no Couto cun recitado e voz do poema “Muller” de Fuxan os Ventos a cargo de Uxía Varela e Alba Costa. De seguido, o grupo de teatro da Casa da Muller viaxará a través do tempo para traer a escena “Mulleres na historia”.
A regueifeira Lupe Blanco, tamén artista e tamén de Coristanco como Asunción Antelo, será a encargada de presentar á “Rexubeira de Bergantiños”, para achegarnos un pouco máis á figura e á obra dun dos referentes culturais de Bergantiños. Pola súa banda, a cantante Silvia Losada interpretará unha canción dedicada a ela, mentres que Carmen Eiroa e Matilde Vilariño recitarán poemas da súa autoría. Os “Rexoubeos” de Lupe e Teresa dos Cucos pecharán unha xornada que se presenta, ademais de reivindicativa, moi emotiva. Ao remate, os e as asistentes ao evento poderán degustar uns petiscos de carne ao caldeiro, xentileza de Indicación Xeográfica Protexida “Ternera Gallega”, e serán agasallados/as, a modo de recordo, cun lote de libros de  Asunción Antelo e “Camelias”, da Casa de Pondal.  

Casa da Muller en Ponteceso polo (m

BNG de Bergantiños

A pasada semana, o BNG bergantiñán (que tamén estivo presenten na manifestación de Verín) presentaba o seu plan de arredor do 8M, centradas en apoiar os actos da Plataforma Galegas 8M, da que forman parte, así como a convocatoria da manifestación do 8 de Marzo ás 19.00h en Carballo.

No eido institucional presentarán unha moción nos concellos de todo o país, facendo fincapé na importancia dos coidados realizados, de xeito gratuita e precaria, por milleiros de mulleres.

 

Novas do 8M

Novas relacionadas

Comentarios