400 nenos xogaron co vento co programa O Mar na Escola

Nenos de Camariñas que participaron no programa O Mar na Escola 2017

Botou o peche a XIII edición do programa “O Mar na Escola 2017. Xogando co vento”, a iniciativa liderada pola Escola de Vela Cataventos que leva o mar aos programas de estudos de varios centros da bisbarra.

Un proxecto pioneiro a nivel galego, e perfectamente exportable a outras comarcas.

O pasado sábado o IES Pedra da Aguia Ponte do Porto, de Camariñas, acollía a clausura dunha actividade que chegou a 389 alumnos dos concellos de Camariñas, Cee, Dumbría, Fisterra, Corcubión e Muxía.

Os alcaldes das vilas, os directores dos centros educativos e os representantes de Cerdeimar estiveron acompañados polo Presidente da Federación Galega de Vela e a Secretaria Xeral para o Deporte, quen mostraron a súa satisfacción polos excelentes resultados que, ano tras ano, colleita esta iniciativa que aúna a aprendizaxe escolar co coñecemento-respecto da contorna máis próxima, fomento da práctica de actividades ao aire libre.

A coordinadora do programa, Noemi Bermúdez de Castro, explicou que nesta edición participaron preto de 400 alumnos dos colexios CEIP O Areal, CEIP Ponte do Porto, IES Pedra da Aguia (ambos de Camariñas), Manuela Rial e Eugenio López (Cee); CEIP Santa Eulalia (Dumbría); CEIP Mar de Fóra, CEIP Areouta (ambos de Fisterra); CEIP Praia de Quenxe (Corcubión), CEIP Virxe da Barca, CEIP Vilarmide, CEIP Os Muíños, IES Ramón Camaño (todos eles de Muxía).

Clausura do Programa O Mar na Escola

”Quero agradecer a todos os implicados neste proxecto que sigan apostando por unha iniciativa que ten como obxectivo achegar o mar e os seus recursos á escola. A Cerdeimar, polo seu apoio incondicional, por crer neste proxecto e aos centros escolares polo esforzo de adaptar o seu programación para integrar esta actividade, que estou segura que enriquece a todos os alumnos e apórtalles unha visión diferente da contorna mariña, co que conviven todos os días. Trátase dun programa xa consolidado, pero o noso compromiso é seguir avanzando e ampliando cada ano o número de sesións, de nenos e de centros participantes, sempre contando, como non podería ser doutro xeito, co apoio de todos os presentes neste acto”, explicou Noemí.

Dende 2004

Imaxe do programa durante este ano

”O Mar na Escola” iniciou a súa actividade no ano 2004, no CEIP Areal de Camariñas e aos poucos se foron sumando concellos e centros, atraídos por un xeito diferente de achegar aos nenos as materias de Coñecemento do Medio e educación Física, desde un punto de vista próximo. O programa está estruturado en dous grandes bloques. O primeiro vira ao redor da Observación da Contorna, e nel trátase do mar, os ventos, as mareas e a costa, ademais de nomenclatura náutica, rumbos e navegación a vela. O segundo, Coidado e Conservación do Medio Ambiente, favorece o achegamento dos alumnos á biodiversidade dos mares e os océanos. Para iso, a escola dispón de todos os medios técnicos necesarios.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).