8 das 12 confrarías da Costa da Morte repiten patrón maior


Despois do longo proceso de eleccións, a Xunta publicaba hoxe as listas definitivas dos patróns maiores das 63 confrarías de pescadores do litoral galego. Unhas eleccións do máis democráticas posibles, que tratan de modernizar esa histórica visión arcaica das entidades, que a día de hoxe xa contan con moitos patróns e patroas cunha visión moito máis reivindicativa e menos plegada ao poder.
Bueno, máis ben patróns, porque apenas 6 das 63 confrarías do litoral galego contan cunha muller como patroa maior. O que dá boa conta da necesidade de seguir poñendo en valor o traballo da muller no sector do mar, visibilizando e dando responsabilidade nos órganos de xestión e dirección. Na Costa da Morte xa non contamos cunha soa patroa…
Patróns maiores das Confrarías da Costa da Morte
A pesar de todo nalgunhas confrarías, como na de Fisterra, non foi necesario votar porque curiosamente só se presentaron o número exacto de prazas a escoller a xunta directiva, provocando así que a lista fose xa pechada.
Noutras confrarías, como na de Corcubión, tocou relevo pola xubilación do anterior patrón, que deixa paso ao fisterrán de Sardiñeiro Urbano Suárez Canosa.
Outro cambio chega Pindo, da man do novo mariscador Fernando Siaba, un bo activo para o sector.
E parece que en Corme tamén hai un bo relevo xeracional, e un mariscador de tan só 33 anos, que ten sido xa protagonista de documentais internacionais como Roberto Vidal Pombo, ponse á fronte do pósito.
En Camariñas si que houbo pelexa e José Ramón Lema gañoulle a partida a ex patroa, Dolores Bermúdez, que non fixo valer todas as súas accións durante estes pasados anos.
Confraría | Patrón (*Repiten como Patrón/oa Maior) |
CORCUBIÓN | Urbano Suárez Canosa |
FISTERRA | José Manuel Martínez Escarís* |
LIRA | José Mariano Lago Louro* |
MUROS | Manuel Daniel Formoso Moledo* |
LAXE | Manuel Villar Vidal* |
CAIÓN | José Hector Morgade Carracedo* |
MALPICA | Pedro Pérez Martelo* |
CAMARIÑAS | José Ramón Lema Romero |
CAMELLE | Juan José Bermúdez Tajes* |
MUXÍA | Daniel Castro Fernández* |
O PINDO | Fernando Siaba Espasandín |
CORME | Roberto Vidal Pombo |