Calafateando: Mariñeiro artesanal de polbo: “O que temos que facer para poder saír ó mar” (parte I)
08:02 12/05/18
Un barco de pesca artesanal en Fisterra Despois do primeiro cafeciño do día afrontamos unha xornada de pesca artesanal de polbo moi desapracible con choiva persistente e ventos do sur de forza 4. Xa estamos en plena primavera, pero a meteoroloxía séguenos resultando adversa, e non podemos realizar a nosa actividade con normalidad, parece que logo dun inverno relativamente suave estámolas penando todas agora na primavera. Pero buenoo, como dicimos por aquí “nunca choveu que non escampara”. Xa a bordo de “Fui mi gusto” (si, si, é unha embarcación de pesca artesanal) preparámonos a partir do porto cara ás zonas de pesca, durante a ruta teremos tempo para preparar a carnada ou cebo para as nasas que capturarán o rico polbo galego e ademais aproveitaremos para saudar polo aparello de radio-telefonía VHF, (que todas as embarcacións levan instalado abordo) aos compañeiros dos portos arredores. Durante o percorrido, temos o privilexio de gozar dunhas vistas incribles desde o noso posto na “oficina”, e desde onde podemos ver uns amenceres espectaculares, aínda que hoxe o día non se preste a iso. Desde que saímos do porto os distintos equipos de navegación instalados abordo vannos dirixindo cara á zona exacta onde están caladas as nasas. Recordar que os nosos pais e avós non dispoñían desta tecnoloxía tan avanzada e situábanse nos caladeros de pesca, por medio das chamadas "marcas" (puntos de referencia en terra) e a cada caladero ou zona do mar definíaselle cun nome concreto (hidrotoponimia) que podían facer referencia a lugares de pesca utilizados por algún marinero, á abundancia dalgunha especie animal, entre outros moitos. Unha vez situados no punto onde está calada a primeira cacea de nasas, levantamos aboiar e empezamos a recollelas unha a unha. Como vén ocorrendo nos últimos meses, con cada nasa que levantamos levámonos unha decepción, o pulpo escasea, logo de "palmear" 600 nasas, as capturas son irrisorias, 25 quilos, moi por baixo dos topes establecidos de captura. De feito non alcanzamos nin o tope dun dos tripulantes. Esta escaseza de capturas preocupa a todo o sector e son moitas as opinións que hai respecto diso sobre como se debería proceder para recuperar unha especie tan importante como é o polbo para os pescadores galegos artesanales, e do que vivimos máis de 3.000 persoas en toda a costa galega embarcados en 1.250 barcos. Xa de volta a porto, as conversacións por VHF (noso particular espazo de debate diario) céntranse na difícil situación pola que está atravesando a pesquería de polbo, que na actualidade, coas capturas existentes non resulta rendible saír a faenar, malia que os prezos son moi interesantes, marcando día a día cotizaciones históricas en lonxa. Pero a realidade é que a venda do polbo capturado apenas cobre os moitos gastos que temos (carnada, combustible, seguro, seguridade social, taxas portuarias...) Logo dunha consulta realizada ao sector, a Consellería do Mar determinou establecer unha veda para o polbo de mes e medio. Para moitos de nós parécenos de xeito evidente insuficiente, para outros consideran que cun mes sería suficiente e para outros, os máis insensatos, ata opinan que o período de veda é innecesario. O debate radiofónico sobe de ton a medida que cada un vai esgrimindo os seus argumentos, e como case sempre, vense moi poucas posibilidades de aproximar posturas. Mentres tanto xa chegamos á entrada do porto, e é cando nos metemos no medio da apaixonada discusión para despedirnos ata mañá, que será outro día e que nos volveremos a suscitar "o que temos que facer para poder sair ao mar", na nosa versión/visión moi particular da banda sonora da exitosa serie televisiva "Fariña".
Artigos para calafatear
- A sostibilidade pesqueira, un compromiso de todos.
- Día Mundial do Medio Ambiente: Os nosos oceános, o noso futuro.
- Redeiras, invisibles pero imprescindibles
- Ola, son breixo, fillo e neto de pescador artesanal.
- Un día na vida dun pescador artesanal.
- Un día especial na vida dun percebeiro.
- Bañistas si. Furtivos… non, grazas!!!.
- Diario dunha mariscadora.
- A veda do polbo: necesaria… pero suficiente?.