“O sector náutico aínda ten moito que crecer na Costa da Morte”
08:27 11/08/18
Catamarán atracando no porto de Muxía
Días de verán e días nos que comprobamos o potencia náutico da nosa bisbarra. Ducias de barcos (veleiros, iates, catamaráns…) fan paradas de tránsito nos nosos portos, nas nosas enseadas, convertindo o sector nunha boa fonte de ingresos para toda a bisbarra. Así o comproban en Corme, por exemplo, ese fondeadoiro natural onde paran centos de barcos e baixan a consumir a vila.
Tamén o fan noutros portos, dotados de servizos útiles para o viaxeiro, como a Marina Muxía, o Club Náutico de Camariñas ou o porto deportivo de Muros. Son 4 dos puntos máis importantes da bisbarra, a pesar de que a Xunta só ofrezca datos dos seus portos autonómicos (Muros e Muxía) esquecendo o bo traballo de promoción do Club camariñán (tamén con Bandeira Azul como o muxián) ou a natural estampa cormelá.
Barcos fondeados na enseada de Corme
En todo caso, o marxe de mellora é altísimo, como recoñece Marcos Trillo, responsable da Escola de Vela Cataventos de Corcubión e da Marina Muxía. “Hai moito que medrar no sector náutico da Costa da Morte. Os portos suman, é bo ter unha infraestrutura en cada zona, porque se hai máis portos non quere dicir que haia que repartir o peixe entre todos, senón que se xenera máis peixe”, explica cunha clara visión de sinerxias. De feito, ten claro que moitos dos que chegan a Muxía fano despois de comprobar que en Camariñas non hai prazas xa para pernoctar. Ademais moita xente ve que a zona dá para disfrutar e fica un día, ou dous, en cada porto.
En todo caso, para facer as rutas máis doadas, Trillo explicaba tamén na Radio Nordés, “sería bo a creación de novos portos na ría de Corme e Laxe e tamén na ría de Corcubión, por exemplo. De Coruña a Camariñas ou Muxía hai unhas 50 millas, e de Muxía a Muros 35. Son etapas longas, e se a xente puidera facer paradas intermedias en sitios como Corme ou Corcubión a xente podería facer rutas máis tranquilas. Un tío que fai 500 millas do tirón dende Gran Bretaña non ten problema, pero unha familia que vén dende A Coruña facendo unha pequena ruta, prefire facer etapas cortas”, explica. “Con 5 ou 6 prazas en cada porto sería un gran impulso”.
En todo caso, non é doado a creación de novos pantaláns de servizos en ningunha das dúas rías. En Laxe xa saben o que é perder un pantalán no primeiro temporal, e por Corme avisan de que pasaría o mesmo. Habería que construír un dique de abrigo que custaría uns 2 millóns de euros e que realmente serviría para os 4-5 días de forte temporal que hai cada ano.
Grandes cifras
O Club Náutico de Camariñas
As cifras de paradas de tránsito son moi boas, e seguen medrando ano tras ano. En Camariñas por exemplo rexistraron 432 barcos oficiais dende o 1 de xaneiro, conseguindo un aumento nun 15% o número de embarcacións en relación ao ano pasado e converténdose no mellor destos últimos 5 anos. De feito, no mes de xullo foron 12-14 os iates que tiveron a diario, tendo moitos días cheo e con lista de espera ou mandando os barcos a Muxía ou a fondear a Lingunde (o pasado mércores había uns 15 barcos fondeados diante do areal camariñán).
No porto deportivo Marina Muros apuntaron 354 barcos durante o primeiro semestre do 2018, mentres que na Marina Muxía, uns 226. Boas cifras comparadas con outros portos autonómicos.
Porto deportivo Marina Muxía cheo un día de verán