Liberan 65 kilos de lixo contaminante dos coídos de Santa Mariña
- O Museo de Man acollerá a segunda reunión informativa sobre a campaña de concienciación para coidar o mar e a contorna natural
Apenas 4 voluntarios se presentaron este sábado á chamada de Mar de Fábula para limpar os coídos e a praia de Santa Mariña, en Camariñas. Así e todo conseguiron redobrar esforzos para descontaminar todo o posible o lugar, e liberar a mar de 65,3 kg de lixo contaminante.
A entidade lanza unha vez máis a alerta sobre a contaminación mariña como un dos 3 grandes males que afectan a mares e océanos xunto coa sobrepesca e a crisis climáticas.
Como detalle, destacan que atoparon un portalentillas procedente da perda dun contedor no ano 2019…

Nova xuntanza do proxecto de concienciación
O Concello de Camariñas, en colaboración coa asociación Mar de Fábula, organiza este xoves, 30 de outubro, ás 19 horas en Camelle, concretamente no Museo Man, a segunda reunión informativa sobre a campaña de concienciación ambiental coa que se pretende sensibilizar á veciñanza sobre a importancia de non tirar nada ao mar e de protexer o medio mariño e o litoral do municipio.
A iniciativa, baixo o lema “Camariñas, a perla da limpeza ambiental da Costa da Morte”, busca promover unha maior responsabilidade cidadá na xestión dos residuos e na conservación da contorna natural.

