A veciñanza pide a poda do ”arboredo descontrolado” no CEIP de Buño
O grupo de veciños de Campo de Xaviña en Buño da contorna do C.E.I.P. Joaquín Rodríguez Otero, levan anos avisando das problemáticas que está xerando “a descomunal arboleda do recinto exterior do centro”.
”Todos estamos a ser testemuñas de que os invernos están a ser a cada paso máis severos, con ventos de moderados a fortes, polo que entendemos que a desmesurada altura e tamaño destas árbores, poida supoñer un perigo para as persoas que acceden ao propio centro ou que transitan polas súas proximidades”, explican.
”Ademais do mencionado anteriormente, existen outras repercusións que non deben obviarse, como poden ser a posible insalubridade para o propio alumnado e profesorado debido ao gran espazo exterior do edificio que permanece á sombra, e tamén a diminución de recursos que supón, tanto o gasto diario de combustible da máquina, como a man de obra do operario municipal para recoller as follas, co fin de evitar posibles caídas das persoas que acceden diariamente ao centro. Ademais, os lotes das acículas do piñeiro non soamente chegan aos nosos xardíns, senón tamén aos tellados e faiados das nosas vivendas”, aseguran pedindo unha solución canto antes.


