xoves. 01.05.2025
El tiempo

O temporal Evi deixa ao redor de 40.000 euros en estragos na Costa da Morte

O temporal Evi deixa ao redor de 40.000 euros en estragos na Costa da Morte
portos-malpica-temporal-evi O presidente de Portos de Galicia e o o concelleiro de Obras e Servizos de Malpica visitaron onte o porto malpicán O presidente de Portos de Galicia - José Juan Durán - desprazouse onte ata o porto de Malpica para facer unha valoración provisional dos danos ocasionados polo paso nos días pasados do temporal Evi na Costa da Morte. Malpica foi unha das zonas afectadas polo forte mar de fondo que se produciu durante eses días. Na súa visita, Durán Hermida avanzou que se estima que o custe dos danos producidos nos peiraos da Costa da Morte será de arredor de 40.000 euros. Así mesmo indicou que a afectación nesta ocasión semella ser de menor importancia que os danos causados polos temporais noutras ocasións. Os principais danos detectados polo momento en Malpica atinxen á comporta, ao pavimento, a algunhas varandas de seguridade e á pedra de coroación do cantil. Así mesmo, José Juan Durán avanzou que os traballos de reparación comezarán en próximas datas. O presidente de Portos tamén explicou que están pendentes de avaliar os danos producidos na escolleira, que se desprazou polo impacto das ondas. Outros portos  Durán Hermida tamén fixo balance dos danos producidos noutros portos da Costa da Morte. Así, trasladou que no porto de Arou, en Camariñas, o temporal afectou ao muro de contención e fixo un buraco no vial. No caso do de Corme, o presidente de Portos explicou que se produciron diversos danos nos pantaláns e adiantou que xa se puxo en marcha a contratación para reparalos. Ademais, sinalou que no porto de Caión, na Laracha, e no de Suevos, en Arteixo, houbo incidencias de escasa entidade. O presidente de Portos aproveitou a visita para avanzar que solicitou unha comparecencia no Parlamento de Galicia para informar do conxunto dos danos que deixou o temporal Evi nas instalacións portuarias e para dar traslado dos prazos aproximados dos traballos de reparación. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Portos de Galicia

Comentarios