![A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, recibiu onte aos alcaldes de Coristanco, Mazaricos e Santa Comba para abordar a crise no transporte público]()
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, recibiu onte aos alcaldes de Coristanco, Mazaricos e Santa Comba para abordar a crise no transporte público
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, recibiu na tarde de onte aos
alcaldes de Coristanco, Amancio Lavandeira, de
Mazaricos, Juan José Blanco, e de
Santa Comba, José Antonio Ucha, para abordar a problemática en materia de mobilidade que afecta a estes municipios, tal como fixera tamén en días pasados co rexedor de
Ponteceso, Lois García.
No encontro, Do Campo indicou que dirección xeral de Mobilidade vén de esixir á empresa concesionaria do transporte público nesta área o
restablecemento de todos os servizos recollidos no seu contrato, pois constatou que a redución de frecuencias de autobús nas liñas que dan servizo a estes concellos non conta coa autorización do departamento autonómico. Con todo, segundo explicou a máxima representante do Goberno galego na provincia, Mobilidade mantén aberta a rolda de inspeccións iniciada a raíz da primeira denuncia para esclarecer a responsabilidade da empresa e determinar, se fose o caso, as sancións pertinentes.
Desta forma, a delegada territorial ofreceu aos primeiros edís de Coristanco, Mazaricos e Santa Comba “todo o diálogo e colaboración”, así como o apoio firme da Xunta, co fin de obter a cooperación necesaria coas entidades locais para dar resposta ás
demandas das veciñas e veciños e ofrecer unha pronta solución a esta problemática.