As dúas empresas que optan á estación de bombeo da Ruña presentaron os seus proxectos aos colectivos sociais e ambientais

Esta pasada mañá de xoves 13 de marzo celebrouse a xuntanza de confrontación de proxectos que aspiran a construír a central de bombeo reversible da Ruña. Convocada por Augas de Galicia no marco do proceso de tramitación, representantes de Feroe Venture Investmenst (o fondo internacional matriz de XEAL) e Portodemouros Solar S.L. (empresa española) presentaron os seus respetivos proxectos construtivos.
Representantes dunha vintena de asociacións e colectivos sociais, veciñais e medioambientais (había 28 entidades convocadas), achegáronse para coñecer de preto as iniciatvas empresariais, que Augas de Galicia estudia para facer de árbitro e xuíz, pois será quen decida se se concede o caudal a unha ou outra empresa, ou se finalmente non o aproba.
Estiveron presentes entidades veciñais como a Mancomunidade de Montes de Colúns ou a de Xián Furiño Gándara, a Comunidade de augas de Mundín; colectivos medioambientais como Contramínate, Boca de Sapo, Petón do Lobo, Ecoloxistas en Accións, Plataforma Vendaval, Salvemos a Ruña; así como un representante do concello de Corcubión, un do Comité de Empresa de XEAL, do BNG, e persoas a título particular como o xeologo Vidal Romaní ou a gandeira Matilde Pensado.
Os dous proxectos
Tras analizar os dous proxectos, fontes presentes na presentación consideran que o proxecto de Feroe, que suporía un investimento de case 500millóns, “sería máis agresivo” pois realizaría unha tunelación de 6m dende o encoro de Santa Uxía ata balsa. Pola súa parte, o proxecto”, “máis modesto”, de Portodemouros, necesitaria un investimento de 140-150 millóns de euros, e non afectaría ao encoro de Santa Uxía, porque se basea no ciclo en dúas novas balsas.
A calidade da auga
O concelleiro de Medio Ambiente de Corcubión, Francisco Santiago López, unha vez que o Concello ten presentado alegacións ao proxecto, quixo participar “porque a mancomunidade de Fisterra e mesmo Muros e Carnota beben da auga da Ruña”. “Non imos en contra dos intereses da veciñanza, o goberno ou o Concello de Mazaricos, entendemos que poidan estar a favor, pero como Concelleiro de Corcubión, consideramos que a envergadura deste proxecto é tan grande que trascende ás fronteiras de Mazaricos, e afecta a máis concellos” sinalou en relación á preocupación porque “os 4 anos de obras e movemento de terras poidan incidir na calidade da auga que bebemos na comarca”.
Caducidade
Unha das entidades que non se presentou á convocatoria foi ADEGA, porque entenden, como xa sinalaron esta semana, que o procedemento xa está caducado e avanzaron que van presentar a impugnación a todo o trámite.