As Amas de Casa de Mazaricos, do Caldo de Gloria da Casa de Rosalía, á Festa do Bolo do Pote
Xa teñen ao lume as potas da XXVII Festa do Bolo do Pote, que se desenvolven estes sábado e domingo. Pero ao longo da semana non estiveron cos brazos cruzados. A Asociación de Amas de Casa de Mazaricos volveu ser protagonista este ano nos actos conmemorativos do Día de Rosalía de Castro. Tres das súas integrantes, María Esther Muíño, Ángela Villar e Laura Prado, desprazáronse o pasado 23 de febreiro ata a Casa-Museo de Rosalía en Padrón para elaborar os tradicionais bolos do pote que forman parte do "Caldo de Gloria" que cada ano se prepara nesta xornada.
A Fundación Rosalía de Castro contactou hai xa varios anos coa asociación mazaricana para que fosen elas as encargadas de cociñar este prato, compoñente fundamental do caldo labrego noutros tempos e que a propia Rosalía inmortalizou nos seus versos. En "Cantares Gallegos" ofrece uns "boliños do pote" como agasallo, e en "Follas Novas" describe a unha muller que consegue facer "un bolo do pote que era cousa de envidiar".
O seu bo facer tras máis de 25 anos na festa popular da Picota que comeza mañá, de seguro que é fundamental para que dende Padrón as chamen.
O domingo 1 de marzo na Picota
Precisamente, as mesmas mulleres que estiveron en Padrón volverán estar detrás dos fogóns na XXVII Festa do Bolo do Pote, que terá lugar este domingo 1 de marzo no Campo da Feira da Picota.
A partir das 13:00 horas, levarase a cabo unha degustación, na que se poderá ver a elaboración en directo, onde todas e todos os asistentes poderán gozar deste prato con séculos de historia da man de quen mellor sabe facelo.