Sábado. 27.04.2024
El tiempo

A Festa do Bolo do Pote celebrou 25 anos de gastronomía auténtica

Festa do Bolo do Pote de Mazaricos 2024 Amas de Casa
As Amas de Casa preparando as racións
A Festa do Bolo do Pote celebrou 25 anos de gastronomía auténtica

Máis dun milleiro de persoas encheron este domingo o campo da feira da Picota para gozar da degustación da XXV Festa do Bolo do Pote de Mazaricos. 25 anos de tradición comprimidos nos potes da Asociación de Amas de Casa El Hórreo de Mazaricos, que prepararon as delicias para que a veciñanza de toda a comarca disfrutase dun sabor do máis auténtico. Aproximadamente saíron 1.500 racións deste produto, que tiñan un prezo simbólico de 2 euros e incluía como agasallo o prato de cerámica do Buño.

Festa do Bolo do Pote de Mazaricos 2024 4

Carpa chea para a Festa do Bolo do Pote de Mazaricos 2024

A festa xa dera comezo o sábado 2 coa organización de xantares e ceas en varios restaurantes da Picota adheridos á celebración. Este ano, os locais participantes foron o Asador Manduca, o restaurante Efe-Eme, Casa Jurjo, Campamento Corzón e Casa Pego. Os comensais puideron desfrutar de menús de cocido con bolo do pote. Ademais, foron colaboradores nesta edición a Taberna Casa Senra, o Café Bar Alborada e a Pizzería Pinocchio.A festa foi amenizada por senllos pases do grupo de gaitas O Sib do Solpor e a Charanga Alambique. A festa estivo organizada, un ano máis, polo Concello de Mazaricos, coa colaboración da Asociación de Amas de Casa El Hórreo, a Asociación de Veciños Monte Picoto e mais o restaurante e hotel Casa Jurjo.

O bolo do pote é un complemento tradicional do cocido que se foi recuperando e reivindicando e hoxe é o centro desta festa que leva celebrándose dende finais dos anos 90. Os bolos do pote elabóranse a base de fariña de millo, unha pouca de centeo e un rustrido de cebola e chichas de touciño. Amásase todo con auga do caldo, fanse os bolos e bótanse a cocer na pota co resto do cocido cando esta está a ferver. A súa orixe é tan antiga como a do propio cocido, e o seu rastro pode albiscarse mesmo nos versos de Rosalía de Castro.

Máis novas

Comentarios