Mazaricos pon a pota ao lume para a 27ª Festa do Bolo do Pote: A historia da supervivencia do pobo galego
O bolo do pote, ese humilde pero substancioso compoñente do caldo labrego, volve ser o protagonista en Mazaricos. Os días 28 de febreiro e 1 de marzo, a Picota acollerá a vixésimo sétima edición dunha festa que, lonxe de tocar teito, consolídase como unha cita ineludible no calendario gastronómico comarcal.
Porque a Festa do Bolo do Pote de Mazaricos, que marcha pola súa XXLVII edición, conta a historia da supervivencia do pobo galego. Os bolos do pote, feitos a base de fariña de millo —antigamente de millo miúdo ou centeo—, cebola e chichas de touciño, foron durante séculos un dos compoñentes fundamentais da alimentación das familias rurais.
O bolo do pote é moito máis que un prato. É historia viva, memoria gustativa e identidade. Un legado que Mazaricos reivindica cada ano coa mesma paixón coa que Rosalía o inmortalizou nos seus versos.
Un percorrido pola historia do bolo do pote
Os estudos históricos sinalan que os cereais eran a base da dieta popular desde a romanidade. Xa en tempos medievais, é probable que os bolos do pote tivesen entrada no caldo xunto con verduras, fabas, castañas e, cando había, algún anaco de carne. A carne era un ben escaso; o porco que se mataba no fogar debía estirarse ao longo de todo o ano, e os derivados da fariña —como os bolos— cumprían a función de encher o estómago e achegar a enerxía necesaria para o traballo no campo.
Coa chegada do millo americano, a fariña deste cereal pasou a ser o ingrediente principal dos bolos, desprazando ao centeo e ao millo miúdo. Esta situación mantívose durante a Idade Moderna, ata que a introdución da pataca, primeiro timidamente e logo de forma masiva a partir do século XIX, comezou a competir cos bolos no caldo. A pataca, máis cómoda e rápida de preparar, foise impondo, e os bolos iniciaron un lento declinar ata case desaparecer da dieta cotiá a mediados do século XX.
Rosalía de Castro e os bolos do pote
A nosa poeta nacional, Rosalía de Castro, gran coñecedora da cultura tradicional galega, deixou testemuño da importancia deste prato en dúas das súas obras máis senlleiras.
En "Cantares Gallegos" (1863), no poema introdutorio, unha voz feminina ofrece á meniña gaiteira unha serie de agasallos para que cante a Galicia na nosa lingua. Entre eses agasallos están os "boliños do pote": "Canta meniña,/ na beira da fonte;/ canta, dareiche/ boliños do pote;".
Máis adiante, en "Follas Novas" (1880), no libro Da Terra, Rosalía descríbenos a dura vida dunha muller do pobo que, despois de camiñar descalza desde Santiago a Padrón sen comer, chega á súa casa e non ten nada. Con todo, atopa un resto de fariña, un pouco de unto e unhas verzas da súa horta, e consegue facer "un caldo de groria" e "un bolo do pote/ que era cousa deenvidiar". Unha fermosa metáfora da capacidade do pobo galego para sobrevivir e mesmo para atopar momentos de "gloria" na adversidade.
A festa: tradición viva en Mazaricos
Hoxe, Mazaricos mantén viva esa tradición cunha festa que cada ano atrae máis visitantes. A grande afluencia levou, hai uns anos, a ampliar a celebración á xornada do sábado, un formato que se mantén con éxito.
Programa da XXVII Festa do Bolo do Pote

SÁBADO 28 DE FEBREIRO (baixo reserva previa):
Os cinco locais de degustación —Asador Manduca, Restaurante Efe-Eme, Casa Jurjo, Café Bar A de París e Casa Pego— ofrecerán un menú especial que inclúe: Bolos do pote, Cocido, Sobremesa, viño e café. Prezo desde 30 euros.
DOMINGO 1 DE MARZO (día grande):
A partir das 13:00h, na carpta situada no Campo da Feira da Picota, abrirase unha degistación a cargo de Amas de Casa de Mazaricos e do colectivo veciñal Monte Picoto. Os asistentes poderán ver en directo o proceso de elaboración tradicional e degustar este manxar da nosa cociña.
Ademais, os locais colaboradores Taberna Casa Senra, Café-Bar Alborada e Pizzería Pinocchio ofrecerán o bolo do pote en forma de tapas ou racións con cada consumición.






