Carme Rey Núñez presenta na casa a súa novela

Baía Edicións ten o pracer de convidar ao seu medio ao acto de presentación, que terá lugar na Casa da Cultura de Mazaricos (A Picota) o domingo 6 de outubro ás 17:00 horas, de Esconxuros para un rei, obra de Mª do Carme Rey Núñez.
A autora, natural de Mazaricos, estará acompañada da mestra Encarna Pego Paz e a directora editorial Belén López Vázquez, que se encargarán de facer un achegamento crítico á obra.
A autora en primeira persoa
Dende moi cativa sentín paixón pola lectura. Debido a que outras nenas se metían comigo, era aí onde pasaba as horas de lecer. Iso propiciou que co tempo tamén me gustase redactar.
Rematada o EXB, cursei Auxiliar Administrativo na cidade da Coruña. Aos dezanove anos namorei dun mozo e embaraceime. Volvín á aldea para coidar do meu neno e para dar conta das vacas. Acabáraseme a lectura.
No ano 2012 sufrín unha caída, escangallei o cranio e danei o cerebro. Quedei sen olfacto, sen memoria e perdín unha boa parte da capacidade cognitiva. Volvinme vella de repente. A psicóloga recomendoume escribir. Fíxenlle caso.
Escapados (Toxosoutos, 2017) foi a miña primeira obra. Con pouco tempo polo medio chegou a segunda, Mulleres (Toxosoutos, 2018). Polo medio gañei o certame literario do Concello de Ames co relato “A pelegrina” e, en 2023, coa mesma editora, publiquei As arelas de Mariña e mais Favonio, o meu primeiro relato infantil.
Son autora autodidacta, por máis que me recomendan copiar dos que están de moda, eu sigo o meu propio ditame.
Sinopse de "Esconxuros para un rei"
Zeltia, posuidora de capacidades precognitivas especiais, é vendida polo seu pai e mais pola súa nai Xacinta (que por mor de ter o pelo roxo e pencas foxe da inquisición de Castela) a unha meiga da montaña de Lugo.