Venres. 29.03.2024
El tiempo

Colocando a MZ no epicentro do megalitismo galego

Colocando a MZ no epicentro do megalitismo galego
A arqueologa de Mazaricos, Nina Alvela, nun tumulto da Necrópole de Pedras MIúdas A arqueologa de Mazaricos, Nina Alvela, nun tumulto da Necrópole de Pedras MIúdas

Non cabe dúbida de que a Costa da Morte é unha potencia en materia arqueolóxica, a pesar de levar 16 anos esperando polo esquecido Parque do Megalitismo. Ter a Catedral do Megalitismo galego (Dolmen de Dombate) ou a fantástica Excursión pola Ruta das Antas son só un par de exemplos dos nosos tesouros patrimonais. Cabana, Vimianzo, Zas, Carnota, Muros, Fisterra… Poucos concellos da volta non contan con lugares de especial interese.

Agora tampouco falta Mazaricos, que sumouse este ano a esta aposta polo patrimonio coa descuberta de dúas novas mámoas o pasado verán. Leva o Concello mazaricán un ano volcados para colocar a MZ no epicentro do Megalitismo galego, cun inconmensurable traballo da arqueóloga do Concello, Nina Alvela.

Necrópole de Pedras Miúdas

A recente descuberta da necrópole de Pedras Miúdas, preto do mirador de Corzón, vén de ser unha verdadeira revolución. O Concello e a Dirección Xeral de Patrimonio xa están acometendo a limpeza e sinalización da necrópole para deixala á vista e podela aproveitar turística (ademais está situada no Camiño, e é un xeito de que os peregrinos pasen máis tempo no concello) e culturalmente.

Explica a arqueóloga as razóns e a importancia dos achádegos, xa que “o Concello de Mazaricos está situado nunha altiplanicie, motivo polo cal ten diversas necrópoles tumulares”. “Os túmulos funerarios comezan con megalitos de gran tamaño e a medida que pasan os milenios van reducíndose en altura ata que, co cambio de milenio, os enterramentos pasan a ser en cistas, que xa son tumbas escavadas na terra”, sinalando que os túmulos de Pedras Miúdas “podemos datalos entre o 4.500 e o 3000 a.C”.

Do total das 11 mámoas que compoñen a necrópole, a máis impoñente é unha que ten 24x27 metros nas coordenadas norte-sur e leste-oeste e case dous metros de alto. Porén, para Alvela foi “un desgusto” ver que nunha das zonas ten un buraco feito por unha retroexcavadora. A arqueóloga asume que é “por descoñecemento” e por iso é “tan importante o coidado, sinalización e preservación dos xacementos”.

En todas as mámoas se ve claramente o con de profanación, é dicir, o lugar por onde se saquearon os tesouros que tiñan dentro ao longo dos milenios “sobre todo durante o reinado de Felipe II, que emitiu unha orde para facelo”, explicou Alvela.
“No que estamos traballando agora é en procurar financiamento para darlle máis valor á excavación para analizar materiais textís ou doutro tipo que poida haber dentro”, explicou Alvela. Do mesmo xeito engadiu que o seu proxecto é “non deixar as mámoas destapadas aínda que escavemos, pois realmente, xa na antigüidade estaban tapadas e abertas deterióranse”. Tamén explicou que “a idea é deixar aberta e visible a galería de entrada”.

Charlas con expertos

Dada a importancia megalítica de Mazaricos, en xaneiro terá lugar un ciclo de charlas con expertos neste tema para “divulgar e publicitar o noso patrimonio”, según explicou o alcalde, Juan José Blanco Riveiro.

Dito ciclo, “O Patrimonio Arqueolóxico. Mazaricos”, será o 19 de xaneiro para público adulto e rapaces de secundaria. Desenvolverase na Casa da Cultura da Picota. A primeira conferencia impartiraa Antón A. Rodríguez Casal, profesor titular da USC e leva o título: “A necrópole megalítica da Parxubeira no contexto arqueolóxico das Terras do Xallas”. A continuación será o turno de Josefa Rei Castiñeiras, profesora titular da USC: “Mazaricos hai 2.400 anos. Os poboados coñecidos e datos da súa vida no castro de Recarea O Barral”. Pechará o ciclo Xulio Carballo Arceo do Servizo de Patrimonio Cultural, Xefatura Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria con “A protección do patrimonio arqueolóxico”.

Arqueoloxía nas aulas

A arqueoloxia chega as aulas de Mazaricos A arqueoloxia chega as aulas de Mazaricos

A idea de recuperar as mámoas implica que o coñecemento das mesmas permita que non sufran deterioros. Unha das actividades para dalas a coñecer xa están armando aulas polos colexios. Alvela imparte clases maxistrais para os nenos e nenas dos colexios do Concello. Hai uns días subiu con eles ao castro do Monte Aro para amosarlles in situ os conceptos que previamente lles explicara.

Ademais, en xaneiro levarase a cabo un torneo intercolexios para que os e as cativas “busquen e expoñan o patrimonio que teñen nas súas aldeas”, explicou Alvela.

Novas relacionadas

Máis novas megalíticas

Fonte

Comentarios