Martes. 23.04.2024
El tiempo

El@s son Mazaricos: "Queremos que a MZ se coñeza en toda Galicia"

El@s son Mazaricos: "Queremos que a MZ se coñeza en toda Galicia"
Falamos con Janet Martinez a dereita da Asociacion Eu Son Mazaricos Falamos con Janet Martínez, á dereita, a presidenta da Asociación Eu Son Mazaricos

Son as novas xeracións as que están empezando a tomar o relevo, de verdade, da vida social no Concello de Mazaricos. A creación da Asociación Eu Son Mazaricos demostra que hai xente na Costa da Morte que aposta polo rural, por vivir en Mazaricos, desenvolvendo a vida na súa vila natal, e poñendo en valor todo o que iso implica. Preciosa, por exemplo, é a iniciativa de recuperar os nomes das vacas que sacaron a través do seu Facebook "Eu son Mazaricos".

O mundo gandeiro é todo un eixe, como non podía ser doutro xeito se falamos dun concello onde o 90% da veciñanza depende deste sector primario. Pero a complicada situación dos produtores non impide ver o real que é vivir do noso campo, da nosa terra.

Precisamente o posible xérmolo da creación desta entidade creouse durante as manifestacións vividas o pasado mes de setembro por todo o país. "Foi espectacular xuntarmos a todos para irmos a Lugo, e chegar alí e que toda a xente nos aplaudise coas nosas camisetas do MZ", comenta orgullosa Janet Martínez, a presidenta da asociación.

Xunto a ela, acompáñana na xunta directiva o vicepresidente Ismael Caamaño; Olga Pensado, Tesoureira; Diana Louro, Secretaria; e Jeniffer Martínez, Vocal. Todos en 20 poucos e 30 poucos, afincados en Mazaricos, traballando, iso si, en zonas como Cee, Vimianzo, A Coruña… Pero todos con relación directa co mundo gandeiro. "As nosas familias viven da gandeiría e nós sempre estamos axudando". Hai relevo en Mazaricos.

 
  • QPC: Como nace a Asociación Eu Son Mazaricos. Cal é o detonante final?

Xa creármos un movemento de promoción de Mazaricos a través do Facebook, anunciando iniciativas e actividades. E un día, tomando un café e cambiando o mundo, pensamos que había aproveitalo e crear unha asociacioón pois só con un Facebook non iamos chegar a nada. Ademais, coincidiu coas manifestacións, e o feito de poder xuntar a toda a xente de Mazaricos foi o que nos dixo que si que se podía facer algo.

 
  • QPC: Valeron para algo entón, as mobilizacións dos gandeiros?

Entre nós xa o temos falado. Cando menos serviu para esto, para unírmonos como grupo. O primeiro día, indo para Lugo, foi espectacular, co gran traballo da Asociación de Gandeiros. Esas cousas son suficientes para crear algo. Pode que o prezo do leite non suba moito, pois teremos que volver saír á rúa. En todo caso, penso que o consumidor si que mira máis o que compra. Penso a xente se deu de conta de que hai un problema.

 
  • QPC: Volvendo á Asociación en si. Cales son os obxectivos principais?

Fundamentalmente, dinamizar Mazaricos, promovendo cultura, lingua… E facer que a MZ se coñeza en toda Galicia. Intentaremos crear actividades que sexan punto de unión para que as xentes saian da rutina e poidamos recuperar todas esas cousas do pasado que tanto anhelamos. Esas partidas de tute en casa de Fulanito, reactivar as vellas escolas, aproveitar as actividades que xa se estaban facendo, reenfocadas e sacarlle partido tamén a través da rede, pois moitas estaban demasiado centradas na Picota.

 
  • QPC: E está respondendo a xente?

Penso que si, cada vez temos máis siareiros no Facebook "Eu son Mazaricos", xa contamos con bastante xente para organizar actividades e mesmo con empresas que queren colaborar para facer convenios.

 
  • QPC: Cales son as primeiras accións?

Pois a primeira acción é a Liga de Futbol Sala, que xa puxo en marcha o vicepresidente pois xa a xa tiña pensada. Xa están en marcha os 8 equipos, con xentes de Mazaricos, claro, pero tamén de Santa Comba…

 
  • QPC: E agora… toca Semana Gandeira. Xa che vimos na fermosa foto que ilustra os carteis. Como participades?

Nós faremos o traballo de dinamización da tarde do sábado, como traer o concerto de De Vacas, un campionato de ordeño… e ademais imos ter un stand sábado e domingo. E claro, o Concurso de debuxo e fotografía a través das redes sociais, que se entregarán os premios o sábado pola tarde. Xa hai unha marea de fotos presentadas.

Imaxes presentadas para o Concurso de Fotografia de Eu Son Mazaricos Algunhas das imaxes presentadas para o Concurso de Fotografia de Eu Son Mazaricos  

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios