Luís Iglesia e Camila Bossa traen Testosterona a Mazaricos
O Auditorio da Casa da Cultura da Picota acollerá o próximo domingo 23 de novembro ás 17:00 horas a obra "Testosterona", unha produción
de Malasombra Producións que aborda con humor e intelixencia as complexas relacións entre xénero e poder no ámbito laboral.
A obra, escrita pola prestixiosa dramaturga mexicana Sabina Berman e dirixida por Xoque Carbajal, está protagonizada por Camila Bossa e Luis Iglesia. A trama xira arredor da disputa pola dirección dun medio de comunicación entre un home e unha muller, suxire cuestións sobre capacidade, xénero e os mecanismos do poder.
"Testosterona" preséntase como unha fábula contemporánea que invita á reflexión sobre múltiples aspectos: dende a erótica do poder ata a posibilidade de establecer novos modelos de relación menos paternalistas e máis colaborativos. A obra cuestiona se as mulleres en cargos directivos poden cambiar as dinámicas establecidas ou simplemente adoptan os modos masculinos de funcionamento.