Venres. 29.03.2024
El tiempo

Mazaricos acolle este sábado a celebración do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal

Dia das Comunidades de Montes en Mazaricos
Dia das Comunidades de Montes en Mazaricos
Mazaricos acolle este sábado a celebración do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal

Mazaricos acollerá o vindeiro sábado, 22 de xaneiro, os actos organizados pola Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común e o Instituto Galego de Terras Comunitarias con motivo da primeira conmemoración do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal.

Esta data institúese como recoñecemento do papel que moitos homes e mulleres desenvolveron ao longo da historia na defensa da propiedade comunitaria, dos montes veciñais en man común dende hai xeracións.

monumento no monte veciñal de Eirón-Mazaricos
Imaxe do monumento en memoria de Xosé Esperante situado no Monte de Eirón, onde se realizará a ofrenda floral

A actividade recorda a morte, o 22 de xaneiro de 1963, do veciño de Eirón Xosé Esperante, “Che de Pedro”, durante o enfrontamento coas forzas de seguridade no contexto da defensa das terras comunitarias por parte da veciñanza.

A xornada dará comezo ás 11h no Salón de Actos da Casa de Cultura da Picota (Mazaricos), coa recepción por parte do alcalde, Juan Blanco. Posteriormente, intervirá o presidente da ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes), Xosé Alfredo Pereira. A continuación presentarase a Unidade Didáctica “Terras comunitarias/Montes veciñais” do INGATECO (Instituto Galego das Terras Comunitarias).

Ás 12:15h as persoas participantes trasladaranse ao monumento conmemorativo situado no monte veciñal de Eirón, onde a partir das 13h terá lugar unha ofrenda floral, lectura dun manifesto e interpretación do Himno Galego.

Á actividade están convidadas tódalas comunidades de montes de Galicia.

Comentarios