Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Mazaricos sae da Neria e busca abrir o Polígono

Mazaricos sae da Neria e busca abrir o Polígono
Pleno no Concello de Mazaricos Pleno no Concello de Mazaricos

O pasado venres tiña lugar un interesante pleno no Concello de Mazaricos. Comezaba coa toma de posición do Concelleiro José Miguel Blanco Martínez, despois da renuncia de Don José Luis Cives Ferradás. Ademais, a raíz desta dimisión, Esteban Pereiro Esperante entra na comisión informativa especial de contas, e Beatriz Alvite Novío foi nomeada como 1ª Tenente Alcaldesa.

O grupo de goberno deu conta da aprobación do marco orzamentario do Concello dos anos 2017-2019, e anunciou dous decretos para facer dúas pequenas modificacións no PAS e no POS.

Saída da Neria

Un dos puntos de interese, como xa anunciaran, foi a aprobación da saída de NERIA. O Concello envioulle a NERIA unha carta certificada, a cal retornou, para dar en coñecemento a súa saída, xa que esta non repercute de ningunha maneira no Concello e só ocasiona un gasto fixo anual, o cal podería ser destinado a outras Asociacións máis activas e que poidan ter incidencia directa no Concello.

Polígono

Ó remate do pleno tratáronse unha serie de puntos de gran interese para os veciños e veciñas. Un deles o tema do Polígono Industrial de Val, o cal leva varios anos abandonado e en situación irregular.

Nestes nove meses de mandato, o grupo de goberno explicou a serie de tramitacións que leva feito: Intentouse facer un Plan Sectorial, para facer unhas modificacións puntuais, pero na zona do polígono hai un conxunto de mámoas, as cales non estaban localizadas e que imposibilitaba este trámite. Ademais, o Concello contratou un arqueólogo, o cal fixo unha solicitude a Patrimonio para que lle autorizaran a prospección e poder así localizar as mámoas. Nas prospeccións que se fixeron descubríronse as mámoas, pero fóra do propio recinto. Porén, vai emitir un informe coas medidas do perímetro de seguridade que habería que aplicar, pero en principio, poderíaselle dar continuidade ó Polígono Industrial.

PXOM

Co novo cambio que houbo na lei de solos, recomendan seguir adiante co PXOM (Plan xeral de ordenación municipal), e adaptar o PXOM redactado de antes á normativa vixente. Presentando a documentación requirida nos seguintes dous meses, podería quedar a primeira fase inicial aprobada en decembro, e nun prazo de aproximadamente dous anos, poderían estar o PXOM e o Polígono Industrial aprobados.

Xestión de camiños

Ademais explicouse a nova normativa relacionada coa organización e xestión de camiños, peche de fincas, verteduras ilegais, etc. que se vai presentar no próximo pleno. O mal estado de diferentes fincas, cunetas, o mal uso dos camiños por parte de transportes de alta tonelaxe e a falta de responsabilidade por parte das empresas, crea a necesidade de aprobar unha normativa que dote de medios legais ó Concello para poder afrontar casos en particular e que supoñen un grave problema económico e de infraestruturas, ao desfaceren camiños, cortar accesos, etc. derivado do uso irresponsable das vías públicas.
O equipo de goberno local sentarase coa oposición para redactar un borrador da normativa cos puntos reguladores, excepcións puntuais, como son as actividades agrarias, ás cales non se lles aplicaría tal normativa.

Legalizazión da auga

Outro tema moi reclamado polos veciños foi o da legalización da auga. O expediente foi aprobado en Conservación e agora mesmo atópase en Augas de Galicia. No caso de ser aprobado, poderíase comezar coas obras da represa a partir de novembro e así garantir o subministro de auga ós veciños.

Tamén se informou das diferentes opcións que existen para reducir o gasto de electricidade, poder renovar o alumeado público e así acadar un aforro importante. Unha das posibilidades é sacar a concurso público a xestión do alumeado, sistema xa usado en outros concellos con éxito. O concello pagaría unha cantidade fixa durante un período e a empresa faría a inversión para optimizar o servizo e faríase cargo do mesmo, tanto da inversión, como do mantemento e o control da infraestrutura. /p>

Axudas aos autónomos

Outra novidade que se levará a pleno o próximo mes, é a base da subvención para autónomos de nova incorporación, que é posible grazas ó aforro das nóminas. As bases regulan o proceso mediante un sistema de puntuación, serán axudas de un máximo de 3000 euros e estarán aprobadas o próximo mes.

Comunicando por whatsapp

Xa vimos o pioneiro concello de Santa Comba informando aos veciños aproveitando as tecnoloxías da comunicación. Tomou boa nota o concello mazaricán, que no pleno deu a coñecer un sistema de comunicación cos veciños, para que todo o mundo poida avisar de calquera incidencia no noso municipio. Funciona mediante un número de teléfono con Whatsapp o cal estará dispoñible en breve na páxina web do Concello. Tamén se usará para manter informados a aqueles veciños que así o desexen. Poden agregalo e enviar unha mensaxe ao número de teléfono: 628 80 97 61.

 

Fonte

Comentarios