"Mulleres de seu" presentou a súa actividade e obxectivos en Mazaricos no marco do 8M
Este grupo, formado por más de 150 socias de CLUN, traballa para promover a formación e o desenvolvemento da muller, dignificando o seu papel no medio rural.

Mulleres de Seu, o grupo para o apoderamento feminino da cooperativa CLUN, foi un dos colectivos que participaron na xornada celebrada o pasado sábado, 9 de marzo, no Concello de Mazaricos. Co nome 'Mulleres, aí estamos', o acto institucional enmarcouse nas celebracións con motivo do Día Internacional da Muller e contou coa participación de diversas experiencias colectivas en feminino para darlles visibilidade e relevancia na contorna rural.
Na súa intervención, a coordinadora de Mulleres de Seu Carmen Rodríguez presentoulles aos asistentes o proxecto que xurdiu no ano 2013 da Fundación Feiraco e que a día de hoxe está integrado por máis de 150 socias cooperativistas de CLUN que traballan conxuntamente co obxectivo de promover o apoderamento e desenvolvemento profesional das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural.
Segundo explicou, “Mulleres de Seu xurdiu coa finalidade de apoderar as socias da nosa cooperativa e acadar o seu desenvolvemento pleno no eido profesional, como empresarias e gandeiras, conseguindo aumentar en paralelo a presenza de mulleres en postos directivos, de xestión, comités ou consellos reitores”.
Mulleres de Seu, incidiu Carmen Rodríguez, promove vías cara o liderado que pasan pola capacitación profesional de empresarias e gandeiras; a formación profesional desde o punto de vista técnico, pero tamén o emocional e o das aspiracións; o apoderamento a través da participación na cooperativa e os seus órganos de xestión, nas institucións e o coñecemento directo doutras cooperativas e entidades sectoriais para intercambiar experiencias e crear sinerxias.
Nesta liña, destacou o papel que xogan as visitas institucionais en Mulleres de Seu, lembrando a realizada ao Congreso dos Deputados, onde presentaron o seu proxecto na Comisión de Igualdade, e agradeceulles o esforzo de todas as socias gandeiras para seguir sumando recoñecementos, como o Premio Agader da Xunta, outorgado en 2018 ao grupo de CLUN na categoría Mulleres.
Rodríguez apostou polo papel do liderado feminino no rural porque “a nosa presenza foi, é e será un motor importante a nivel económico, familiar e social. De aí as nosas ansias de mellorar a nosa formación para poder evolucionar cara unha sociedade igualitaria. Queremos ser mulleres con iniciativa propia, emprendedoras e con arraigo á nosa terra”, sentenciou.
Na xornada, organizada polo Concello de Mazaricos, participaron ademais a asociación de Amas de Casa do concello, a Asociación Cultural de Antes, as Mulleres da Costa da Morte e a Asociación Cultural Eu son Mazaricos, e celebrouse unha mesa redonda co título Mulleres apoderadas de Mazaricos.
CLUN, o referente do sector agrogandeiro galego
A cooperativa de primeiro grao CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas), impulsora do grupo Mulleres de Seu, nace da unión de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto con vocación de ser referencia no sector agrogandeiro galego. Aliñada cos grandes movementos cooperativos europeos, ten tres grandes obxectivos estratéxicos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea: integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción das explotacións, optimizar as subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación. Con 3.500 socios e máis de 400 traballadores, CLUN comercializa as marcas Feiraco, Únicla, Clesa, Arquega e Almond Breeze.