Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Camiño pasa por Mazaricos

O Camiño pasa por Mazaricos
  O Camiño de Santiago foi unha das principais rutas de comunicación que conformaron a cultura europea. Xa antes da cristianización, era fonte de atracción para moitos pobos que seguindo o exemplo do sol no seu camiñar, sentían a chamada de Occidente e do mar. Máis aló de riquezas, de conquistas ou do perdón dos seus pecados; buscaban cuantificar a medida do seu propio esforzo. Procura na que coñecerían novos horizontes, novas xentes e novas culturas, pero sobre todo, ese esforzado camiñar axudaríalles a coñecerse mellor a si mesmos. Hoxe igual que onte miles de persoas percorren todos os días esta ruta con múltiples obxectivos, pero seguramente non moi distintos aos de outrora. Formando parte deste itinerario está a súa prolongación a Fisterra, na que o municipio de Mazaricos achega algúns quilómetros e moitos motivos para a fascinación e o asombro. Terras de fonda humanidade, paisaxes de equilibrada beleza, unha historia vivida intensamente e depositada nos nosos variados monumentos. Costumes e tradicións que xunguen a ledicia da festa e a maxia que nos fai crer o incrible e nos axuda a vivir nun mundo non sempre xusto e a soñar noutro mellor. Unha gastronomía que combina sabiamente os froitos da nosa boa terra cos pródigos dons do mar, próximo e imprevisible. Os peregrinos doutros tempos deixáronnos nos seus diarios de viaxe referencias do seu paso polo noso concello. Non todos seguiron a mesma ruta, por iso podemos falar dun Camiño Tradicional e doutras variantes usadas máis puntualmente. Hai moitas maneiras de facer o camiño, a tradicional, esforzada e rigorista; e unha ampla variedade de aproximacións máis lúdicas e gozosas que non se suxeitan nin a itinerarios fixos, nin a horarios predeterminados, senón que, a semellanza do clásico turista queren coñecelo todo, velo todo e probalo todo. A ese tipo de visitantes podemos dicirlles que, ademais dos lugares aquí comentados, calquera ruta que escollan nunca será errada, pois todo merece ser visto e gozado. Antes de comezar a andadura temos que lembrarlle aos posibles camiñantes que, nos últimos anos, dende a iniciativa privada fíxose un importante esforzo para dotar o tramo mazaricán do Camiño a Fisterra de numerosos establecementos que melloran considerablemente a viaxe ou a estadía de peregrinos ou turistas, dos que iremos dando cadra segundo descorra o noso camiñar. O itinerario que seguen os peregrinos entra no concello de Mazaricos, proveniente do Marco do Cornado, pola parroquia das Maroñas. Despois de atravesar a paraxe denominada “A Lomba” chegamos á aldea das Maroñas de fortes resonancias pondalianas. O poeta de Bergantiños deulle este nome a unha das súas máis aguerridas heroínas, que morreu defendendo estes campos contra a invasión romana. Hoxe Maroñas como boa parte do territorio municipal, é unha poboación e unha paisaxe orientada á gandería e á produción de leite e carne de vacún. Esta actividade, ademais de deixar a súa pegada nas enormes cortes que sobresaen do resto das construcións, é a principal causante de que no noso territorio siga viva a tradicional estrutura agraria de monte, praderías e labradíos. Isto que parece obvio atopándonos nunha zona rural, non o é tanto se pensamos no forte despoboamento que sofren estas zonas e no abandono xeneralizado da agricultura como medio de vida. En Mazaricos podemos presumir de que os nosos campos seguen sendo fonte de riqueza. O peregrino ou o turista no seu camiñar atravesan zonas de monte alto como “A costa de Corzón” ou o Monte Aro, pero tamén ladeiras e vales onde as praderías e as terras de cultivo son as protagonistas. Inscrición da Casa das Maroñas En Maroñas ademais de vacas atópase unha das vivendas máis antigas de Mazaricos. Esta construción do século XVI, unida a outra de menor altura que, pola decoración da súa cornixa, parece da mesma época. O elemento que máis chama a atención da primeira das vivendas é unha inscrición que se atopa nunha ben escuadrada lousa de pedra de grao que serve de piar a unha ventá da planta superior e na que figura o seguinte texto: “esta casa es de bertola Tuñes se (o)bró en ell año de mill quinientos e sesenta e dos”. Como vemos a posuidora desta vivenda non só a dignificou cunha serie de elementos decorativos da arquitectura culta, senón que tamén quixo deixar constancia da data de construción e do nome da persoa á que pertencía. Agora que tanto se fala do empoderamento das mulleres, esta nosa veciña das Maroñas en pleno século XVI, non tivo reparo en eternizar o seu nome para exemplo das xeracións vindeiras. No segundo andar ten dúas ventás pegadas aos topetes do teito, característica común a toda a nosa arquitectura popular. Dende Maroñas atravesando campos de cultivo, dirixímonos a Santa Mariña, situada á beira do regato do mesmo nome. Nesta pequena aldea sitúase a igrexa parroquial de Maroñas. Unha construción dunha soa nave de estilo románico con algunhas intervencións posteriores. A capela maior destaca pola bóveda de canón en clara consonancia co estilo do século XII. Exteriormente sobresaen os canzorros que percorren e sustentan toda a cornixa, conformando un suxestivo repertorio de escenas simbólicas do imaxinario medieval. É interesante o retablo maior, un bo exemplo do barroco no que as columnas salomónicas serven, non só para sustentar a máquina escénica, senón tamén para aguantar as eucarísticas vides cargadas de apertados acios. Retablo que, ademais doutras imaxes, acubilla a da patroa parroquial: Santa Mariña. Mártir galega crucificada polas autoridades da Roma pagá, que nestas terras é avogosa para a fertilidade do gando. Por este motivo é a máis festexada, xa que todos os labregos da comarca a celebran lanzando ao ceo de Xullo en alegre e ruidoso rebumbio, algúns foguetes en sinal de gratitude polos favores xa recibidos ou polos que esperan recibir nun futuro próximo. Á beira do templo parroquial, nunha construción tradicional restaurada, atópase o Albergue Casa Pepa, o primeiro servizo de hostalería que recibe aos peregrinos no noso Concello. Deixamos Santa Mariña e avanzamos en dirección a Lamelas, un núcleo de formación recente ao abrigo da construción da nova estrada nos anos cincuenta do século pasado. O seu topónimo infórmanos de que os terreos nos que se sitúa, noutros tempos eran moi húmidos e destinados para apacentar o gando durante o verán. Neste enclave o camiñante poderá descansar, comer, durmir ou aprovisionarse no Café Bar Antelo, no Albergue Santa Mariña ou na Casa Victoriano. Continuando o noso percorrido, agora para dirixirnos a Bon Xesús, bordeamos os predios pertencentes á próxima aldea de Liñares. O seu nome lémbranos o cultivo do liño, fonte principal de boa parte das vestimentas e dos enxovais que conformaban o vello vivir labrego. Cruceiro de Bon xesus Cruceiro de Bon Xesús A seguinte parada é Bon Xesús. Un dos numerosísimos lugares da nosa terra rodeados de lendas relacionadas con fantásticos tesouros gardados nas entrañas da terra e defendidos por maléficos “encantos”, capaces de castigar aos incautos que tentasen apropiarse deles, a un eterno e desmemoriado vagar polas paraxes inhóspitos do “inframundo”. Con estes antecedentes non nos estraña o seu nome de clara afirmación do culto cristián, co obxecto de borrar calquera referencia allea á ortodoxia católica. Máis aló destas suposicións, o topónimo tamén pode estar relacionado coa existencia, neste enclave, dun pequeno hospital para atender aos camiñantes. Hospital do que coñecemos o seu pobrísimo aspecto cando pasou por aquí o peregrino italiano Bartolomeu Fontana en 1539. Nas Memorias do Arcebispado de Santiago que en 1609 publicou Jerónimo del Hoyo, cóntanos que nesta mesma paraxe había unha capela baixo a advocación de San Brais que, segundo informacións orais, foi destruída polas tropas francesas en 1809. O único vestixio que o acredita como un vello lugar de culto é a existencia dun cruceiro de rústica e inxenua factura. De Bon Xesús dirixímonos á Gueima. Desde esta aldea de medianas proporcións e onde a actividade gandeira se palpa en todos os recunchos, seguimos o noso camiño con dirección a Vilar de Castro, situada ao igual que a súa irmá maior Castro, ao pé do Monte Aro. Precisamente no punto máis alto deste monte existe un castro que está na orixe destes asentamentos máis recentes. En Vilar de Castro o viaxeiro pode optar por subir ao Monte Aro ou bordealo, os dous itinerarios conflúen no lugar de Lago. Se escolle a primeira opción, no curuto desta montaña, a 556 metros de altura, sitúase un castro fácil de apreciar polo triplo anel dos seus muros defensivos. Pero os restos arqueolóxicos non son o seu único atractivo, as vistas desde lugar tan privilexiado son espectaculares. Abarcan boa parte da comarca do Xallas, rodeada por un amplo anfiteatro de montañas, sucada por numerosísimos ríos e regatos, fonte de riqueza e de exuberante vexetación, e ornamentada polo dilatado lago artificial formado polo encoro da Fervenza. Dende Lago vese o encoro da Fevenz Dende Lago vese o encoro da Fervenza A biblia cos seus múltiples relatos, deu lugar a moitas lendas que tentaban achegar as historias do libro dos libros a diferentes lugares e culturas. O Diluvio, Noé, o Arca, a pomba coa poliña de oliveira ou o Monte Ararat están, segundo unha destas lendas, na orixe da fundación da vila de Noia. Precisamente este topónimo, din que procede do nome do patriarca de Israel ou dunha das súas fillas. Formando parte desta recreación lendaria, estaría tamén o Monte Aro, que identifican co Monte Ararat, o lugar onde o Arca quedou varada cando as augas empezaron a descender. A realidade desta lenda non podemos asegurala, pero o que si podemos confirmar é a existencia, nestas paraxes e noutros tempos, dunha capela dedicada a Santo Tomé. Desde o Monte Aro o camiñante pode tomar o desvío da dereita pola paraxe denominada “Monte Vello” que o levará á aldea de Lago. Monte Aro-Mazaricos Vistas dende Monte Aro Pola contra, se decide bordear o Monte Aro, o camiñante avanzará entre praderías e leiras de millo. No último tramo, antes de chegar á aldea referida, contemplará o val do río Xallas e o impresionante encoro da Fervenza. Os peregrinos algo mal informado dubidarán se están na beira do mar ante tan inmensa superficie líquida, máis parecida a un gran lago ou a unha ría que a un embalse. O lugar de Lago noutros tempos, conxuntamente con Abeleiras (Vaos), pertencía ao Cabido da Catedral de Santiago e os seus veciños por traballar as terras tiñan que pagar unha renda anual a esta poderosa institución compostelá. Aínda, a día de hoxe, hai unha paraxe que denominan “O Cabildo” que nos lembra este feito. Nesta aldea atópase a Casa Xalleiro, con servizos de cafetería, comida e tenda para repoñer o corpo e as mochilas de todo o necesario. En breve abrirá o Albergue Monte Aro que completará sobradamente a oferta hostaleira neste tramo do itinerario. Abandonamos Lago e collemos dirección á aldea de Abeleiroas. Como nos indica o seu nome, era un lugar con abundancia de abeleiras. Árbore pouco corrente nestes días e por estes pagos, pero en idades pretéritas debeu ser moi abundante xa que, non só esta aldea toma o seu nome deste feito, senón que tamén o fai a relativamente próxima de Abeleiras. En Abeleiroas podemos observar ao bordo do camiño varios hórreos. Non son os primeiros nin serán os últimos que poderemos ver, xa que é unha das construcións tradicionais máis características de Galicia e lémbranos a importancia, no pasado pero tamén no presente, do cultivo do millo. Neste camiñar tranquilo e cargado de curiosidade que nos impuxemos, o noso seguinte punto de interese é “A Cruz do Xirelo”. Unha paraxe de toxeiras e plantíos de piñeiros sinalado pola presenza dunha cruz de pedra. Erixida a principios do século XX, conmemora a morte inesperada dun veciño da aldea de Lago neste lugar. A partir deste antigo recordatorio funerario empezamos a descender cara aos vales dos ríos Xallas e Mazaricos, deixando á nosa dereita “O Pedrouzo” que cos seus 402 metros é o punto máis alto da Costa de Corzón. Nesta elevación montañosa aflora en distintos lugares, coma se de excrecencias se tratase, a rocha viva, que parece estar a poxar por liberarse da capa terrestre e vexetal que envolve boa parte da súa superficie, para poder ver o sol e sentir os ventos amorosos do vendaval. Mentres avanzamos por unha das súas ladeiras, unha ampla perspectiva ábrese ante os nosos ollos. En profundidade de campo, limitando o horizonte polo Oeste, temos o macizo da Ruña. Nun plano medio podemos observar a confluencia dos vales que forman os ríos Beba, Mazaricos e Xallas, conformando todo o conxunto unha panorámica de gran calidade paisaxística. Ao final deste agradable descenso atopámonos coa igrexa de San Cristovo de Corzón. Adro de Corzon Adro de Corzón O templo é unha sinxela construción dunha nave cuberta con armadura de madeira. Prolóngase nunha capela maior románica, coroada por bóveda de canón e na que se ingresa por un arco triunfal de medio punto apoiado en medias columnas. Exteriormente podemos resaltar a pureza da súa volumetría, realzada por unha moi coidada cantería e pola ausencia do clásico campanario, ao construírse a espadana afastada da igrexa, nunha posición máis elevada e máis idónea para a súa eficacia de convocatoria. Son moi interesantes os retablos, tanto os laterais de estilo barroco, como o maior, de formas neoclásicas. A imaxinería, basicamente do século XVIII, completa moi dignamente este interesante conxunto. En fronte do adro parroquial temos o Campamento Corzón onde, ademais de ter sitio para montar tendas de campaña, se pode comer e descansar.   Despedímonos de Corzón e encamiñámonos á Ponteolveira. Estamos na confluencia dos ríos Mazaricos e Xallas. Terra de bos pastos, e ese precisamente é a orixe do nome de Busto, a aldea que se atopa á nosa dereita segundo avanzamos. Á beira da ponte que atravesa o río Mazaricos, inmediatamente antes de que entregue as súas augas ao Xallas, temos o muíño de auga de “O Mollón”. Un bo exemplo de arquitectura popular propiedade dos veciños dos arredores que aínda se atopa en funcionamento. Muíño de Mollón A Ponteolveira é unha pequena poboación moi ben conservada coas súas tradicionais casas de pedra, neste caso, rodeadas por unha frondosa vexetación moi propia das ribeiras fluviais. E é precisamente unha gran casa de pedra magnificamente restaurada, a que da cabida ao Albergue Ponte Olveira, o último establecemento hostaleiro que o camiñante atopará no noso Concello. A Ponteoliveira protagonizou unha forte batalla na invasión dos franceses de 1809 A Ponteoliveira protagonizou unha forte batalla na invasión dos franceses de 1809 Neste pequeno núcleo, ata os anos cincuenta do século pasado celebrábase unha feira moi concorrida que se prolonga alén do río, no veciño concello de Dumbría. E chegamos á ponte da que toma o seu nome a aldea. Unha construción da Baixa Idade Media con algunhas intervencións posteriores, a máis drástica, que alterou grandemente o seu aspecto, en 1962. Esta ponte que atravesa o río Xallas está directamente relacionada coa historia de Mazaricos. Aquí tivo lugar no ano 1809 unha batalla librada polos nosos antepasados contra os exércitos de Napoleón durante a chamada “Guerra de Independencia”. Neste lugar de paso despídense os peregrinos, os viaxeiros ou os turistas do Axuntamento de Mazaricos para seguir o seu camiño en busca do “Finisterrae” de Europa. Nós desde aquí só queremos desexarlles que teñan unha boa viaxe e que non tarden en volver.  
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios