45 familias xa aproveitan o necesario servizo de madrugadores
Cada vez son máis os Concellos que se decatan da importancia do servizo de madrugadores para fixar poboación. Que as familias poidan deixar ás súas crianzas antes das 8:00h para ir aos seus postos de traballo aínda que estean noutras vilas ou cidades, é un servizo básico para non ter que marchar a vivir fóra.
Así o entende o Concello de Muros, que consolida e amplía o seu Servizo Municipal de Madrugadores nos centros educativos neste curso escolar 2025/26.
Neste comezo de curso, hai incritos 17 nenos e nenas no CEIP Plurilingüe de Louro (11 familias); 33 nenos/as no CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío (24 familias), e 12 nenos e nenas no CEIP Ramón de Artaza y Malvárez (10 familias). En total, 45 familias e 62 nenos e nenas.
“É unha satisfacción ver que esta medida para impulsar a conciliación se consolida”, asegura María Lago, alcaldesa de Muros. “Unha prioridade para nós, un servizo municipal e financiado ao 100% polo concello que permite fixar poboación en Muros”, engade.
“Despois da primeira experiencia cun curso completo de xestión municipal, nas últimas semanas consensuamos coas familias usuarias e os centros os novos detalles do servizo para que facilite de forma efectiva a conciliación e ninguén quede fora”, engade Laura Rivadeneira, concelleira de Ensino de Muros.
“A conciliación é moi necesaria para dar pasos cara a igualdade, por iso é tan importante este servizo gratuíto de Madrugadores”, sostén pola súa parte Maruxa Martínez, concelleira de Igualdade.
Reunións coas familias
O concello celebra esta semana as reunións coas familias usuarias, que serán o xoves 4 setembro, ás 18.00 horas no CEIP de Louro e ás 19.30 horas no CEIP Ramón de Artaza, e o venres 5 setembro, ás 18.00 horas no CEIP Ricardo Tobío.