40 familias de Muros beneficiáronse da primeira edición do servizo municipal de madrugadores

O servizo de Madrugadores do Concello de Muros pecha con éxito o seu primeiro curso de xestión municipal, atendendo a máis de 60 nenos/as e unhas 40 familias. Despois duns meses de colaboración coas Anpas no curso 2023/24, o concello decidiu xestionar directamente este curso o servizo, gratuíto para as familias. E a demanda demostra a necesidade dun servizo destas características que se dependese das familias (unha vez que a Xunta leva anos deixando nas mans das ANPAS, de familias voluntarias, servizos tan básicos e necesarios como madrugadores e comedor) non se podería realizar
“Un servizo en moitos casos indispensable para que unha familia poida continuar vivindo no noso concello”, asegura a alcaldesa, María Lago, que considera que “este tipo de políticas e medidas son as que realmente melloran a vida da veciñanza”.
Por centros, o Servizo Municipal de Madrugadores do CEIP Plurilingüe de Louro atendeu este curso a 18 nenos e nenas; o CEIP Ramón de Artaza y Malvárez a 13 nenos e nenas, e o CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío a 31 nenos e nenas.
A concelleira de Ensino, Laura Rivadeneira: “Damos resposta a unha demanda dos centros educativos e a unha necesidade das asociacións de nais e pais, polo que traballaremos coa comunidade educativa para seguir mellorando o servizo no curso 2025/26”.
“Os datos reflicten que as familias necesitaban este servizo, un paso adiante a favor da igualdade" afirma pola súa parte a concelleira de Igualdade, Maruxa Martínez.