Catro pintoras de Muros expoñen os seus traballos na fábrica de Sel
14:27 23/07/18
A exposición de pintura pode verse na fábrica de Sel ata o 20 de agosto
O pasado sábado, as pintoras Amalia Costa, Montse París, Pepa Sestayo e Carmen Senande presentaron conxuntamente algunhas pezas dos seus últimos traballos na súa vila natal en Muros. O acto inaugural da mostra tivo lugar o pasado sábado, día 21 de xullo, no centro multiusos de Sel - unha antiga conserveira con varios inmobles que foron recuperados para actividades culturais e deportivas -. Ademais das autoras, na inauguración estivo presente a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso. A mostra permanecerá aberta ao público ata o día 20 de agosto.
O tamén muradán, Domingo Guerra foi o encargado de dirixirse aos asistentes cunhas palabras de benvida. Destacou, entre outras cuestións, o importante que supón para Muros que se poida contar coa sensibilidade creadora destas catro
pintoras da localidade.
As obras
Amalia Costa expón tres fondos mariños e dúas láminas de auga baixo a inspiración do mar - sempre presente en Muros -. A súa obra caracterízase por plasmar fondos mariños, centrando a atención na cor e nas formas, escapando dunha excesiva figuración. Pola súa banda, Montse París amosa, en oito cadros, bos exemplos do seu concepto de pintura, onde a luz é, sen dúbida, a gran protagonista. A creación de Pepa Sestayo oriéntase cara unha figuración expresionista baseada no cubismo. Os cinco traballos presentados reflicten vivencias da cultura e tradicións galegas. E Carmen Senande exhibe unha selección de pinturas que se nutren da natureza como fonte de inspiración e que, pola influencia atlántica, dotan a paisaxe dunha singular identidade.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])