Comezan a soar as bandas do Castelo Rock 2016
07:12 16/03/16
Despois de coñecer que o Castelo Rock de Muros será os días 12 e 13 de agosto, xa comezan a soar os nomes dalgunhas das bandas que tocarán na XIII edición do festival. Dubioza Kolektiv, Muchachito, Mojinos Escozíos e os galegos Festicultores Troupe son algúns dos grupos que estarán no evento.
Os bonos xa están á venda e os primeiros 500 terán un custe de 19,50€ que se poden adquirir na web oficial do Castelo Rock, a través da súa páxina de Facebook ou en calquera oficina de Correos.
Este evento, organizado integramente por voluntarios, está camiño de consagrarse entre os grandes festivais de Galicia. Na edición do 2016 dá o salto internacional coa confirmación da banda Bosnia-Herzegovina Dubioza Kolektiv que fará bailar a unha boa parte dos asistentes. Nas súas cancións combina o hip-hop, o reagge, o dub, o rock e o folclore de Bosnia.
Con ánimos renovados, Muchachito está de estrea e celebrarao co público do Castelo Rock presentándolle o seu novo espectáculo cargado de enerxía, ritmo e boa música.
Pola súa parte, Molinos Escozíos chega ao festival de Muros para celebrar o seu 20 aniversario sobre os escearios. Ésta é unha das bandas máis transgresoras do rock español con máis de dous millóns de copias vendidos e case 1.500 concertos ás súas costas.
O primeiro adianto do cartel do XIII Castelo Rock complétao a banda galega Festicultores Troupe que presentarán aquí o seu novo espectáculo. Humor e coreografías misturaranse nun novo repertorio musical.
Na última edición, o Castelo Rock congregou a máis de 8.000 espectadores. Por este motivo, a organización traballa intensamente para ofrecer un cartel de primeira á xente que estará en Muros durante a segunda fin de semana do mes de agosto.
Máis información
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Castelo Rock