mércores. 30.04.2025
El tiempo

As familias de Muros saen á rúa para esixir un servizo de pediatría digno

  • A alcaldesa amosou o seu apoio á campaña da ANPA "Muros quere pediatras"
Muros quere pediatras
As familias de Muros saen á rúa para esixir un servizo de pediatría digno

Xa avisaban hai unhas semanas e a mobilización está a chegar. Este sábado 26 de abril, ás 12:30h, as familias de Muros a través da ANPA do CEIP Ricardo Tobío e apoiadas por outras ANPAS e o tecido asociativo, convocan unha concentración no Curro da Praza ás 12:30 horas. Baixo o lema  ‘Muros Quere Pediatras’ a vila enteira clamará contra o Sergas polos continuos recortes nun servizo sanitario tan básico como o de pediatría. 

O Centro de Saúde de Muros, que dá servizo ás familias de Muros, pero tamén de Carnota (xa saíu toda Carnota á rúa o pasado día 12) conta, dende hai máis dun ano, cun só pediatra, por mor dunha baixa de longa duración da outra profesional. Se no centro de saúde de Carnota xa eliminaron ata o servizo de enfermería pediátrica, a problemática no centro muradán chega cando o único pediatra colle baixas ou está de vacacións, provocando que 900 nenos e nenas de Muros e Carnota queden orfos, ás veces tendo que ser derivados a Outes ou Noia e outras veces con algo de sorte son atendidos só en horario de 8:00h a 12:00h e só certos días á semana. 

No caso dos nenos e nenas de 0 a 3 anos, son derivados a Outes ou Noia os días nos que non hai pediatra no Centro de Saúde de Muros.
Polo que respecta aos nenos e nenas maiores de 3 anos, cando non hai pediatra son atendidos polos médicos de Familia do centro, que son excelentes profesionais pero non pediatras.

Apoio da alcaldesa

A alcaldesa do Concello de Muros, María Lago, vén de manifestar o seu apoio ás mobilizacións, e ademais vén de enviarlle unha carta ao conselleiro de Sanidade da Xunta, Antono Gómez Caamaño, esixindo “unha solución urxente á situación do servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Muros”.

Nunha carta enviada ao conselleiro, a rexedora a amosa a súa "preocupación, xa que levamos xa un ano cunha baixa de longa duración do pediatra que traballa só en Muros, polo que non lle falo dun problema puntual. A outra pediatra que hai debe dar servizo tamén ás familias de Carnota”.

“Estas carencias no servizo provocan desde hai tempo o malestar e as queixas dos veciños e veciñas de Muros, preocupadas pola saúde dos seus fillos e pola repercusión na súa vida diaria desta situación”, engade María Lago.

En palabras da alcaldesa de Muros, “os concellos pequenos e medianos temos os mesmos dereitos e necesitamos un servizos públicos dignos e de calidade para manter a poboación, polo que lle demando unha solución urxente para recuperar a normalidade no servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Muros”.
 

Máis novas sobre o conflito

Comentarios