Os Concellos de Carnota e Muros actualizan o cobro do canon da auga, sen cobrar dende 2016
- Os Concellos denuncian "o doble canon da auga" da Xunta.
O funcionamento das Mancomunidades é unha das grandes carencias administrativas da Costa da Morte. Asuntos importantes como a recollida de lixo ou a auga poderían realizarse de maneira moito máis efectiva se os Concellos conseguisen que funcionasen.
Así pasa co contrato da Mancomunidade de Augas Muros-Carnota, que inclúe o pago dun canon anual por parte da empresa concesionaria do servizo, pero os dous concellos levaban sen cobralo desde 2016.
Ante esta situación, os dous rexedores, María Lago e Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota, negociaron desde a Mancomunidade un acordo coa empresa, ao que se chegou sen necesidade de tomar outro tipo de medidas. “Forma parte do contrato e a concesionaria sabe que debía pagar”, engade a alcaldesa.
Así, o Concello de Muros, vén de ingresar 202.557,87 euros, polos 110.000 do de Carnota, correspondentes a catro anualidades do canon da empresa concesionaria do servizo da auga (2020-2023). “Ademais cobraremos tamén a cantidade correspondente ao ano 2024, uns cartos que podemos destinar a outras necesidades da veciñanza”, explica María Lago.
Por outra parte, a Mancomunidade traballa na elaboración duns pregos para sacar a licitación un novo contrato do servizo da auga.
"O dobre canon da Xunta"
A situación non cambia no que respecta ao canon autonómico da auga, “que cobramos os concellos, no caso de Muros a través da concesionaria, pero transferimos íntegramente á Xunta de Galicia”, e no coñecido como ‘imposto á choiva’, denuncian dende Muros.
Os concellos que verten as augas ás depuradoras que xestiona Augas da Galicia, entre eles Muros, pagan desde hai dous anos outro canon pola xestión
destas instalacións, que basicamente consiste en gravar o maior caudal que chega ás depuradoras cando chove.
“Gastos e taxas derivados de servizos de competencia autonómica pero que cobramos os concellos á veciñanza, unha situación inxusta xa que despois os investimentos da Xunta en Muros non compensan nin de lonxe o recadado”, remata María Lago.