A edil palestina Hanan Kaoud explica en Muros o xenocidio, e tamén a ocupación secular do estado sionista

Hanan Kaoud en Muros

Acolleu o Local Social de Sorribos (Abelleira), en Muros, esta pasada tarde de mércores cunha xornada emotiva organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Muros forma parte. A palestina Hanan Kaoud, concelleira de Ramala (Cisxordania) e experta en xénero, falou en primeira persoa do xenocidio, pero tamén da ocupación que leva vivindo durante décadas o seu pobo a mans do estadio sionista de Israel.

Hannou explicou “como a poboación palestina foi e segue a ser expulsada do seu territorio, coa creación de asentamentos de colonos israelís que fragmentan o espazo”. “Róubannos as terras e restrinxen a mobilidade colocando cancelas de ferro que pechan de xeito aleatorio, obrigándote a agardar durante horas”, explica a edil cisxordana, e engadiu que “mesmo hai mulleres que dan a luz nos check-points porque non as deixan pasar”, asegurou.

“Unha honra e un pracer ter en Muros a Hanan Kaoud, unha muller moi valente que é testemuña do xenocidio que sufre Palestina por parte de
Israel”, asegurou pola súa parte a alcaldesa, María Lago.
"Calquera pode imaxinar o difícil que é exercer a política en Palestina e sendo muller", afirmou Laura Rivadeneira, "polo que Hanan é un exemplo de dignidade e loita polos Dereitos Humanos".

Con perspectiva de xénero

Para Hanan Kaoud, o xenocidio non comezou en 2023, senón moito antes, e denuncia que o publicitado alto o fogo non é tal,” xa que tanto en Gaza como en Cisxordania continúan os bombardeos, contribuíndo a diseminar a poboación”. “Nas miñas investigacións entrevistei a mulleres que antes soñaban con volver á súa terra de orixe, pero agora só queren regresar aos campos de refuxiados para reunir á súa familia”, expresou a convidada cisxordana.

“Israel quere a poboación palestina ou fóra da terra ou baixo terra, ese é o seu proxecto colonial, e Estados Unidos busca facerse co canal para
controlar as rutas comerciais”, sostén Hanan Kaoud. “Diversas resolucións da ONU declaran ilegal a ocupación e recoñecen o dereito ao
retorno, pero non se están a cumprir”, insiste: “Neste senso, o que deben facer os estados europeos é deixar da vender armas a Israel e
recoñecer o Estado Palestino, como xa fixo España”.

“A día de hoxe, a axuda humanitaria comezou a entrar en Gaza, pero é totalmente insuficiente: non teñen acceso a comida, auga, electricidade, refuxio, sanidade...”, explica a concelleira de Ramala, cidade que tamén acolle a persoas desprazadas. “Gaza leva décadas vivindo baixo asedio, lembra, e engade que o número de mortos nos dous últimos anos son moitos máis dos 70.000 que se di”, xa que seguen buscando corpos baixo os cascallos.

Neste contexto, as mulleres sofren por partida dobre, xa que ás prácticas colonizadoras súmanse as desigualdades e a violencia de xénero, explica Kaoud, e lembra que mesmo unha ministra Israelí avougou por asasinar ás mulleres palestinas porque considera que traen terroristas ao mundo. “Eu mesma, como política, sufro acoso e violencia, declara. Sen embargo, mantémonos fortes e movilizadas”, asegura, e avoga por deconstruír as relacións de poder tanto na casa como no eido institucional e na comunidade.

Hanan Kaoud valora enormemente as mobilizacións da sociedade civil en diversos países europeos e tamén as iniciativas de gobernos locais como as charlas que está a impartir en Galicia, “xa que este tipo de accións nos dan forza e son fundamentais para apoiar a causa”, asegura. Imos seguir loitando pola nosa dignidade. “Só cando pare a ocupación seremos libres. A ocupación é ilegal e ten que parar”, conclúe, emocionada, cada un dos encontros.

Artigos relacionados

Máis novas