xoves. 06.11.2025
El tiempo

Tres costeiras presentes no II Encontro Internacional de Mulleres Electas

  • A palestina Hanan Kaoud, concelleira de Ramala (Cisxordania) e experta en xénero, visitará Muros a próxima semana
Maria Lago Rivadeneira e Noelia Freijeiro en Mallorca
María Lago e Noelia Freijeiro, primeira e segunda pola esquerda, e Laura Rivadeneira, na fila de abaixo á dereita
Tres costeiras presentes no II Encontro Internacional de Mulleres Electas

Acolle Palma de Mallorca o II Encontro Internacional de Mulleres Electas, e ata alí se desprazan hoxe varias representantes da Costa da Morte. María Lago e Laura Rivadeneira (ambas do BNG), alcaldesa e concelleira de Muros, e Noelia Freijeiro, concelleira en Malpica (PP), estarán presentes neste foro para intercambian experiencias con outras 140 rexedoras e edís, as políticas de 13 países a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Baixo o lema ‘Liderado, innovación e boas prácticas desde o Sur e o Norte Global’, o encontro aborda estratexias para fortalecer as redes de electas e a súa influencia na gobernanza local.

Segundo ONU Mulleres, só o 35,5% das persoas que ocupan cargos en órganos deliberativos locais no mundo son mulleres. Estes datos poñen de
manifesto a necesidade de seguir impulsando espazos de diálogo, colaboración e aprendizaxe compartida como o que o propio Fondo Galego organizou o ano pasado na Coruña: ‘As Elixidas’.

Tamén participarán as galegas Carmela López, de Burela, Patricia Lojo e Amparo Cerecedo, da Pobra do Caramiñal; Pilar Barja, de Bergondo; Patricia Diego e Estela Pérez, de Nigrán.

Hanan Kaoud en Muros

Entre a vintena de conferenciantes de Europa, África, América Latina e o Mediterráneo que intervirán no programa de ‘Les Elegides’ atópase a palestina Hanan Kaoud, concelleira de Ramala (Cisxordania) e experta en xénero, que a próxima semana visitará oito concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Co título ‘Visita ao Norte. A voz resiliente das mulleres palestinas’, desenvolveranse recepcións institucionais e
encontros abertos á cidadanía na Pobra de Trives, Allariz, Culleredo, Abegondo, Santiago de Compostela, Muros, Silleda e Soutomaior. A cita muradá será o mércores 12 ás 17:00h. Local Social de Sorribos (Abelleira), onde a veciñanza poderá escoitar e conversar con Hanan Kaoud.

Comentarios