sábado. 07.12.2024
El tiempo
Vítor do Canteiro
19:58
29/10/23

Palestina: 75 anos de sometemento e aniquilación

  • Un pobo sen terra para unha terra sen pobo: unha falacia e un mito.
Bandeira palestina
Palestina: 75 anos de sometemento e aniquilación

Un ten desde hai moito tempo un concepto establecido de diferentes temáticas que a realidade vai sacando a colación para, se cabe, aportar unha nova argumentación no abono desa causa. Mais é duro asimilar que as últimas manifestacións de violencia, horror e devastación son a constante dun período de tempo xa moi longo non conflito árabe-israelí. O concepto que eu teño establecido da materia que hoxe nos trouxo ata este punto pode resultar un pouco duro de roer, así, en cru; pero coido, sen temor a cometer ningunha inxustiza nin pena de conciencia, que o Estado de Israel é unha etnocracia sen fronteiras que xustifica unha severa discriminación, e que a practica cunha parte dos seus cidadáns invocando o mito da nación eterna, reconstruída na “terra dos seus antepasados”. E teño que aseverar sen darlle pábulo a incerteza: que nin o pobo xudeu sufriu os grandes éxodos que mitifica a súa relixión, nin o territorio que agora ocupa o Estado de Israel fora nunca unha terra valeira ata a súa ocupación, máis ben todo o contario.

Hoxe como onte, o problema inmemorial da cuestión palestina segue emocionando á xente. Irresoluble, como a cuadratura do círculo, segue a ser o tema máis urxente da orde do día. Isto é así porque nos atopamos ante un problema de interese internacional que esixe unha solución ineludible e impostergable para poñer fin a unha crise humanitaria sen precedentes.


O infame Estado de Israel

Un Estado que naceu da usurpación de terras aos seus verdadeiros e lexítimos poboadores nunca trouxo ningunha consecuencia positiva, nin sequera para o pobo xudeu. Canto máis, se o que tiñan xa in mente os dirixentes dos primeiros colonos era unha constante e progresiva limpeza étnica do elemento hostil para os seus espurios intereses: o pobo árabe palestino. Facer hoxe aquí, neste breve escenario de divulgación, unha síntese cronolóxica do que significou e significa o nacemento e establecemento do Estado de Israel, soamente tería o valor de mostrar o mosaico dunha cuantificación e cualificación numérica e semántica desa gran inxustiza. Por tanto, creo empregar mellor o meu tempo e máis o voso se intento facer unha descrición sinxela das súas políticas infames:

1. A política de ocupación de Israel na terra árabe constitúe unha clara violación das regras e leis de ocupación militar relativas ao Acordo da Haia e ao Convenio de Xenebra. Esta vórtice voraz de violencia do Estado de Israel tamén viola os principios dos dereitos humanos e infrinxe o dereito do pobo palestino a lograr a autodeterminación: un dereito que lle garante o dereito internacional, a Carta das Nacións Unidas e outros acordos internacionais. Cando a ONU aprobou unha resolución que pedía a partición de Palestina, recoñeceu o dereito do pobo palestino á autodeterminación, xa que o plan de partición permite o establecemento dun Estado árabe palestino, un dereito que se mantén no presente e que aínda non tivo a súa implementación orgánica a día de hoxe.

2. A política de asentamentos tamén vulnera o principio de igualdade reclamado en máis dun artigo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Isto é especialmente así porque os asentamentos están construídos exclusivamente para xudeus, están separados do resto dos habitantes dos territorios ocupados e están pechados aos palestinos, tanto musulmáns como cristiáns. Ademais, as autoridades israelís estableceron sistemas xurídicos e xudiciais específicos para os asentamentos, nos que os colonos están suxeitos a un conxunto de leis e tribunais de xustiza e os habitantes palestinos a outros completamente diferentes. Tal política só pode ser vista como discriminatoria, non moi diferente ao apartheid que foi constantemente condenado pola ONU e varios organismos internacionais.

Desde a miña perspectiva pacifista a admisibilidade do uso da loita armada, que pode considerarse na aplicación do dereito de lexítima defensa como un dos medios para a consecución da autodeterminación, está fora de toda lóxica consecuente, humanitaria e de futuro do pobo palestino. Pero entón, ¿como debe actuar a Comunidade Internacional para que acabe dunha vez por todas o exterminio deste pobo?¿Como se pode presionar a Israel para que se retire dos territorios que ocupou pola forza e en clara violación das resolucións da ONU? Estas son cuestións que só se poden contestar se todos e todas puxamos para que se resolva esta enorme inxustiza, se a universalización da causa empeza desde este mesmo intre a significar cambios sustantivos no imaxinario colectivo e nos intereses xeoestrátexicos dos dirixentes políticos que apoian a causa israelí.

A fin da barbarie por forza ten que chegar.

Expoñer nestas poucas e insuficientes liñas o meu parecer sobre o horror do sufrimento a que está sendo sometido desde o ano 48 do século pasado o pobo palestino, aínda vendo o seu holocausto desde un lonxe espacial, faime sentir un arrepío extremo que espero transmitirvos. Ficar perplexo e "cariacontecido", e preguntarse de que serve que a décima Sesión Especial de Emerxencia da Asemblea da ONU contase con 110 relatores, ou que poder de cambio achega que o seu presidente inaugurase a sesión pedindo o cesamento do fogo inmediato e incondicional, coa apertura de corredores de axuda humanitaria, se a escalada de violencia está a ser a máis grave en moitas décadas, tampouco vai traer ningunha consecuencia se como sociedade non nos movilizamos masivamente para que esta barbarie pare dunha vez por todas. 

É necesaria unha acción urxente que evite estes niveis espantosos de sufrimento humano. As cifras de feridos e mortos de poboación civil, de nenas e nenos, estanse a volver arrepiantes. Se a isto lle sumamos unha nova, e máis que probable, ofensiva terrestre das forzas israelís sobre o territorio de Gaza, probablemente con consecuencias catastróficas para a súa poboación, o cariz do escenario xa torna apocalíptico de vez. 

Dicía o observador permanente do Estado de Palestina, Riyad Mansour, na súa última comparecencia na Asamblea da ONU: "Estamos reunidos aquí mentres os palestinos de Gaza están baixo as bombas, estamos falando mentres as familias están sendo asasinadas, mentres os hospitais están paralizados, mentres os barrios son destruídos, mentres a xente foxe despavorida. Non hai tempo para chorar", dixo entre bágoas, sinalando o crecente e inxente número de vítimas mortais. "Se non o paran por todos os que morreron, páreno por todas e todos que aínda se poidan salvar". ¡¡¡Que así sexa!!!

Outros artigos de Vítor do Canteiro

 

Máis novas de Palestina

Comentarios