Os Enterros do Facundo en Muros e da Sardiña en Carballo puideron co temporal
Aínda nos queda unha longa fin de semana de Enterros do Entroido que podedes ver na AxendaCostadaMorte. O Enterro do Caietano de Laxe ou o do Faustino en Malpica; o Enterro do Percebe de Muxía ou a gran festa da Mikaela de Buño.
Pero este Mércores de Cinza xa nos deixou dúas das citas máis singulares, que puideron co forte temporal de vento e chuvia.
Enterro do Facundo en Muros - Foto-Viva Eventos
Por Muros tivo lugar o Enterro do Facundo, Facundo Folla Dobrado, concretamente.
Unha completa comitiva fúnebre choroulle a este finado o 6 de marzo de 2019 aos 65 anos, na casa mortuoria, a carpa instalada diante do concello.
“Facundo, no nos esperes levantado, xa iremos chegando… Ti ao teu aire”, lembrába a mensaxe da súa esquela.
Despois do paseo pola vila, tivo lugar a incineración na praia, coa axuda da Policía Local e do GES non vaia ser que escapase…
Por Muros, os coles tamén manteñen viva a tradición, como disfrutaron o pasado venres os peques do CEIP Ricardo Tobío, cando Divina levou este traxe tradicional tan espectacular.
Foto Xosé Sendón
Enterro da Sardiña en Carballo
Mentres, por Carballo, tamén se celebrou a despedida do Entroido co tradicional. A Charanga Santa Compaña foulle o toque musiqueiro e a Aula de Teatro Municipal e o grupo Vagalume Animación fixeron as rimas retranqueiras. Foi unha mágoa que non parase de chover, o que impediu a botadura do peixe ao río, pero as risas das viúvas, entre as que estaban Esperanza Aguirre ou as dúas Rosalías, foron de primeira.