O Festival Castelo Rock confirma as súas datas

Imaxe do Castelo Rock 2022-Foto-Dani Cruz

A ACRD Praia do Castelo, asociación organizadora do festival Castelo Rock anuncia oficialmente as datas da súa XXI edición, que terá lugar os días 8 e 9 de agosto na vila de Muros. Un ano máis, o festival reafírmase como unha das citas imprescindibles do verán galego para os amantes do rock, mantendo o seu espírito independente e de asociacionismo.

O Castelo Rock caracterízase pola súa aposta pola música en directo e especialmente pola promoción tanto de bandas emerxentes do ámbito local como bandas do panorama estatal. Ademais, o evento desenvolverase nunha contorna privilexiada, á beira do mar, converténdose nunha experiencia única para asistentes de toda Galicia e doutras partes do Estado.

Novidades e programación Nos vindeiros meses, iranse desvelando os nomes das bandas que conformarán o cartel desta edición, así como outras actividades paralelas que enriquecen a experiencia do festival. A organización traballa para ofrecer unha programación variada, primando a calidade sobre a cantidade e xestionando o festival dun xeito máis sostible. Para estar ao día de todas as novidades sobre o Festival Castelo Rock 2025, pódese visitar a páxina web oficial www.castelorock.gal e seguir as redes sociais tanto da ACRD Praia do Castelo coma do evento.

Máis novas