Domingo. 05.05.2024
El tiempo

As mariscadoras de Muros non faltarán á manifestación en Compostela contra os vertidos da mina de San Finx

  • Animan a toda a veciñanza a participar nesta mobilización para a que haberá servizo de autobuses
Manifestacion SI a Ria en Santiago San Finx
As mariscadoras de Muros non faltarán á manifestación en Compostela contra os vertidos da mina de San Finx

Hai moita preocupación no seo do mar de Muros. Todo o sector da ría de Muros e Noia está fortemente alarmado polo permiso de vertedura que a Xunta ten aprobado para a mina de volframio e estaño de San Finx, en Lousame. E as mariscadoras e os mariñeiros de baixura muradans tamén, como levan demostrando durante estes meses de mobilización.

Son as 74 mariscadoras as que elevan máis a voz na vila. Xa presentaron alegacións e non faltan ás mobilizacións. “Como sector preocúpanos moto se hai un vertido de metais pesados como o cadmio, cobre e zinc,, porque poden quedar depositados no mar e influir no noso produto”, recoñece a presidenta Adela Lestón, deixando claro que este todas sumaranse a manifestación de Santiago (en San Caetano a partir das 12:00h) para este sábado 19 de abril convocada pola Plataforma “Non á mina de San Finx, Si á Ría”.

”As mariscadoras non faltaremos, pero é un problema de toda a sociedade así que espero que vaia moita máis xente”, animou Lestón.

Buses

A Plataforma Comarcal contra os vertidos da Mina de San Finx vai ademais facilitar autobuses para todos os interesados en acudir á manifestación. Financiados polo Concello a través dunha iniciativa de Partido Independiente N.O.I.A (Noieses Independientes Agrupados), adherido tamén á Plataforma, unha das liñas sairá de Muros (diante do quiosco Roquiño) ás 10:00 horas. Fará paradas no Cruce S. Comba (a Tremenda); Bar Paca (despois da gasolineira); Abelleira (na parada de autobuses); Tal (Bar Caxuto); Esteiro (diante do Carmiña); O Freixo (diante da de Martínez, antigo Correos); Siavo (marquesiña da parada de autobuses); Catasueiro (marquesiña da parada de autobuses); San Cosme (diante do Carballés e en Vara); Cruceiro de Roo (diante do Cruceiro); en Brión (fronte á parada de autobuses); en Serra de Outes (enfronte da parada de taxis); así como en Ribasdemar (enfronte da parada de autobuses).
O autobús da empresa Autos Comparado regresará polo mesmo percorrido ás 14:00 horas.

Comentarios