Masiva concentración en Muros polo servizo de pediatría

Máis de 300 veciños e veciñas de Muros concentráronse esta mañá de sábado 26 de abril no Curro da Praza para demandar “que se restableza con urxencia a normalidade no servizo de pediatría do noso centro de saúde”.

Convocadas pola ANPA co CEIP Ricardo Tobío, e apoiada polo resto de Asociacións de Pais e Nais dos centros educativos de Muros, polo Concello e por diversas entidades as persoas asistentes mostraron a súa indignación coa actual situación, na que o Centro de Saúde de Muros conta con só pediatra (o outro leva máis dun ano de baixa), dando servizo a 900 nenos e nenas de Muros e Carnota, que ás veces teñen que ser derivados a Outes ou Noia (por vacacións ou baixas) e outras veces, con algo de sorte, son atendidos só en horario de 8:00h a 12:00h e só certos días á semana, tras unha longa lista de agarda. 

“Non temos acceso á APP do Sergas e cando non está a pediatra nos derivan a Outes, Noia ou ao médico de familia", lembra Vanesa Oliveira, presidenta da ANPA do CEIP Ricardo Tobío de Esteiro.

O goberno local de Muros apoiou hoxe a concentración veciñal. Para a alcaldesa, María Lago, “o que pasa é un síntoma máis do abandono da sanidade pública por parte da Xunta, sobre todo nos concellos máis afastados dos hospitais”.

“Estas carencias no servizo provocan desde hai tempo o malestar e as queixas dos veciños e veciñas de Muros, preocupadas pola saúde dos seus fillos e pola repercusión na súa vida diaria desta situación”, engade María Lago.

Máis novas sobre o sanidade pública