Muros conversou ‘Arredor do té’ co pobo saharaui
No deserto do Sáhara, o té é un ritual. Segundo a tradición, hai que tomar tres vasos consecutivos: o primeiro é amargo como a vida, o segundo doce como o amor e o terceiro suave como a morte. Ofrecer esta bebida é un xesto de xenerosidade e aceptalo é un sinal de cortesía. A
persoa que ten a honra de preparar o té adoita ser boa conversadora e, neste caso, achegará un testemuño directo sobre a situación do pobo saharauí e as difíciles condicións de vida nos campamentos de persoas refuxiadas de Tinduf (Alxeria).
Así nace o ciclo de conversas ‘Arredor do té’ que aterrou onte no Local Social de Sorribos, en Muros. Alí, Abderrahman e Mulay, xunto a Bidin
Bucharaya, delegado saharaui en Galicia, e Maite Isla, da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), combateron coa súa historia a desinformación, visibilizando a historia do Sáhara Occidental e denunciando a ocupación marroquí e mais as violacións de dereitos humanos.
A xornada, que busca sensibilizar sobre a situación do pobo saharaui, intenta tamén poñer en valor o papel das mulleres na
resistencia e poñer en valor a interculturalidade, así como divulgar os programas de apoio existentes.

A realidade é que día de hoxe, máis de 170.000 persoas subsisten como refuxiadas nos campamentos, onde a asociación municipalista veu desenvolvendo distintas accións de axuda humanitaria mentres reclama á comunidade internacional unha solución xusta e duradeira para o conflito.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade emitiu recentemente unha declaración institucional fronte a proposta de converter o Sáhara Occidental nunha rexión autónoma de Marrocos, lembrando a responsabilidade do Estado Español na situación do pobo saharauí.
Nacións Unidas conmemora o vindeiro 20 de xuño o Día Mundial das Persoas Refuxiadas baixo o lema ‘Ata que todo o mundo estea a salvo’, en
referencia ao compromiso da comunidade internacional para que as persoas que se ven obrigadas a fuxir poidan vivir con seguridade e dignidade.