Muros estrea novo orzamento municipal, que levaba sen actualizar dende 2021

Estamos xa no mes de xullo, pero nunca é demasiado tarde para ordear as contas. Muros non contaba con orzamento actualizado de 2021. Levaba prorrogando as contas nos últimos anos, e por fin, o pleno extraordinario de onte aprobaba o orzamento municipal para o ano 2024. Fíxoo cos os votos a favor dos grupos de BNG e PSdeG, e os votos en contra de PP e Muros Centrado.
O orzamento aprobado é de 9.462.925,52 euros, e destacan o "acenso social" dos mesmos, así como a partida de 1.254.217,30 euros para investimentos reais (13,25% do total), que se destinarán á realización de obras e actuacións que mellorarán os servizos e infraestruturas en todas as parroquias.
“Máis aló dos grandes proxectos, consideramos prioritario mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas con obras de pavimentación, saneamento, abastecemento, ou acondicionando inmobles municipais para darlles un uso social”, explica a rexedora María Lago.
Pola súa parte, a tenenta de alcaldesa, Caridad González, explica que “con este orzamento solucionamos a carencia de persoal coa que nos atopamos ao chegar o goberno, ademais de abonar numerosas facturas de proveedores que levaban case un ano de retraso”.
A partida para gastos en servizos e bens correntes é de 2.053.876,40 euros (21,70% do total), para afrontar entre outras cousas o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O concello reforzará todas as medidas sociais e de apoio á conciliación.
Nas trasferencias correntes (1.213.111,57 euros) destaca a partida para facer fronte ao importante aumento das cotas de recollida de lixo na Mancomunidade de Municipios da Serra de Barbanza.
No capítulo de gastos de persoal (4.566.358,31 euros), recóllense a totalidade dos postos de traballo do persoal funcionario e laboral fixo e indefinido coas retribucións actualizadas, de acordo coa vixente Lei de Orzamentos Xerais do Estado.
Dótanse as prazas do persoal que se xubila coa intención de cubrilas e reforzaranse a Policía Local, a limpeza viaria, a brigada de obras e a plantilla de auxiliares do SAF.