Martes. 16.04.2024
El tiempo

Muros expón aos seus artistas

Alejandro Amalia Ines Monteagudo Domingo Guerra Pepa e Carmen na inauguracion da expo CROMA en Muros
Foto: Domingo Guerra, Inés Monteagudo (alcaldesa de Muros), Amalia Costa, Alejandro Senande, Pepa Sestayo e Carmen Senande.
Muros expón aos seus artistas

Este pasado sábado, día 3 de agosto de 2019, inaugurouse no Centro Multiusos de Sel, en Muros, a mostra de escultura e pintura CROMA, que conxuga obras de catro autores da localidade.

Domingo Guerra foi o encargado de dirixirse aos asistentes cunhas breves palabras de benvida. Destacou que a mostra integra escultura e pintura en formatos diferentes, mesturando técnicas e estilos diversos propios de cada autor. E que, precisamente –engadeu–, ese eclecticismo, esa diversidade de concepcións estéticas, constitúe a nota característica que define e enriquece a exposición.

En relación aos autores e á obra presentada salientou o seguinte:

Amalia Costa reinterpreta a súa visión particular do fondo do mar. Un escenario cheo de vida, que nos atrapa pola fluidez e luminescencia desa natureza, e que Amalia é capaz de captar e, coa súa cosmovisión subxectiva, perfectamente representar.

Alejandro Senande presenta bos exemplos do seu concepto de pintura. Unha proposta artística que, grazas ao seu innegable talento e enxeño, provoca un impacto no espectador que non deixa indiferente a ninguén.

Pepa Sestayo, fiel ao seu inconfundible estilo expresionista figurativo, baseado no cubismo, exhibe traballos onde a realidade das imaxes coquetea coa abstracción xeométrica, recreando situacións da intrahistoria galega, coa que todos nos sentimos identificados.

Por último, Carmen Senande achega «encravados». Un conxunto de esculturas onde se moldean figuras remachadas con puntas, conformando un collage de aceiro que impacta visualmente e provoca múltiples e diversas sensacións.

A exposición, que permanecerá aberta ao público ata o día 31 de agosto, foi inaugurada pola alcaldesa, Inés Monteagudo, quen se dirixiu aos asistentes, que encheron o recinto, destacando os orixes e a vinculación dos pintores coa súa vila natal.

Domingo Guerra e Ines Monteagudo na inauguracion da expo CROMA en Muros
Domingo Guerra xunto a alcaldesa Inés Monteagudo

Comentarios