Un alumno do IES Ramón Caamaño, o primeiro dun centro de FP Básica de Galicia en participar no Concurso de Coctelería Fragas do Eume
A súa participación supón un feito moi importante tanto para o centro educativo como para a propia FP Básica, xa que é a primeira vez que a organización do certame invita a un centro de Formación Profesional Básica a competir nun evento destas características.
Para esta ocasión, Gabriel presentará o seu cóctel “London-Mojito”, unha versión persoal do tradicional mojito, reinterpretada con matices propios e acompañada cunha gominola elaborada con canela, menta e laranxa, que reforza os aromas e aporta un contraste doce e especiado á proposta.
O alumno estará acompañado polo seu profesor e preparador, Alberto Fuentes, quen destacou e puxo en relevancia a importancia desta participación.
A importancia na nosa comarca da FP Básica de Cociña e Restauración
A FP Básica de Cociña e Restauración é unha opción formativa aberta a todas aquelas persoas que non teñan o título da ESO e que queiran orientarse cara ao sector da hostalaría. O ciclo estrutúrase en dous cursos: no primeiro ano o alumnado fórmase en Servizos de Restauración e no segundo en Cociña. En ambos cursos realízanse prácticas en empresas do sector, favorecendo a inserción laboral e a adquisición de experiencia profesional real.
A participación de Gabriel Mugridge neste certame representa non só un logro persoal, senón tamén un motivo de orgullo para o centro e para toda a comarca.
