Piden accións para rescatar do abandono as vivendas da Sicar
- O BNG esixe ao Concello de Cee e á Xunta que colaboraren para facer cumprir a legalidade
O deterioro progresivo das vivendas construídas na década dos sesenta do século pasado pola empresa SICAR para aloxamento do seu persoal traballador, é cada vez máis grave, convertíndose xa nun auténtico perigo para a veciñanza.
Ante o abandono das administracións, vaise esfolando o conxunto de trinta e catro unidades de carácter obreiro situadas en primeira liña do litoral de Cee, nun espazo de gran valor ambiental e urbano. A realidade é que formaron parte durante décadas do patrimonio residencial vinculado á actividade industrial do municipio, e que deben ser consideradas como parte inseparable da memoria colectiva e da estrutura de cohesión do tecido veciñal da vila.
Pero a realidade é que o estado das vivendas é lamentable. As familias foron marchando progresivamente, sen que concorresen razóns estruturais de ruína nin causas sobrevidas de inhabitabilidade, ficando agora unha soa habitada.
É o BNG de Cee o reflexiona sobre esta situación, e o que sospeita que "o baleirado pode responder a unha estratexia de abandono deliberado, orientada a provocar a súa degradación material e a súa eventual desaparición física mediante demolición, coa previsíbel finalidade de liberar un solo de excepcional valor inmobiliario en primeira liña de costa, permitindo unha futura operación especulativa de nova edificación ou de revalorización do terreo".
Unha operación especuladora que, ao seu xuízo, resultaría "contraria á función social da propiedade, consagrada no artigo 33 da Constitución española e desenvolvida pola Lei 2/2016 do Solo de Galicia, que impón a todas as persoas propietarias o deber de conservar, manter e rehabilitar os inmobles en condicións de seguridade, salubridade e ornato, e que habilita expresamente ás administracións públicas para ditar ordes de execución, sancionar o incumprimento e, nos casos de persistente desatención, proceder á execución subsidiaria ou mesmo á expropiación por interese social".
As vivendas da antiga SICAR atópanse, segundo as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal vixentes, baixo a ordenanza específica de "actuacións unitarias de vivenda", o que para o BNG "confirma que o planeamento recoñece a súa existencia como conxunto edificatorio coherente e con potencial de intervención conxunta, permitindo que o Concello poida promover, directa ou indirectamente, actuacións de rehabilitación integral, reconversión en vivenda protexida ou recuperación mediante instrumentos de cooperación público-privada". "O feito de que carezan de catalogación patrimonial non exime a Administración local da obriga de velar pola súa conservación básica nin da posibilidade de protexer o seu valor social e histórico, por seren testemuño dunha etapa de desenvolvemento industrial e dunha forma de vivenda obreira que, alén do seu interese arquitectónico, constitúe un elemento identitario da memoria popular de Cee", entende o grupo da oposición.

A necesidade de máis vivenda
A situación denúnciase, certo, nestes tempos nos que a demanda de vivenda é tan importan. O últimos datos do ano 2024 do Rexistro Único de Demandantes de Galiza do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), figuran 108 solicitantes de vivendas de protección oficial na Costa da Morte, que representan só o 1,6% do total de toda a provincia e o 0,5 de toda Galiza. Na comarca de Fisterra e Soneira, só existen 30 solicitudes no concello de Cee, e 1 en Fisterra. "Uns datos que non se axustan á realidade, a demanda de vivenda é moito maior que eses datos xa que a mairoía dos demandantes descoñencen a posibilidade de poder solicitar vivenda dese xeito", entenden debde o BNG, que invitan, en calquera caso, aos concellos a tomar medidas para facilitar o acceso a unha vivenda asequible.
Peticións
Por todo o exposto, o BNG solicita ao Concello de Cee que inicie "de inmediato un expediente de comprobación do estado real das vivendas, ordenando á propiedade a execución das obras necesarias para garantir a súa seguridade e habitabilidade, e, de non seren atendidas as ordes, adoptar as medidas coercitivas previstas na lexislación vixente".
Invítao tamén a solicitar da Xunta de Galicia a súa inclusión nos programas autonómicos de rehabilitación e de adquisición de vivendas para uso social, amparándose nas previsións da Lei, e, se fose o caso, estudar a posibilidade dunha declaración de interese social que habilite o uso dos instrumentos de expropiación por incumprimento da función social da propiedade.
Pero tamén consideran que "a Xunta de Galicia, a través da Consellería competente, debe actuar tamén de oficio, pois a perda dun conxunto de vivendas deste tipo, nun contexto no que a mocidade e as familias con rendas medias e baixas teñen enormes dificultades para acceder a unha vivenda digna e asequible, suporía unha grave contradición coas políticas públicas de fomento da vivenda protexida e de rehabilitación do parque existente".
Máis novas
