Muros prepara un programa cultural para encher o auditorio ata fin de ano
- A nova axenda aposta por manter o éxito do primeiro semestre, que rexistrou un aumento de asistencia do 41,5%
O Concello de Muros presenta a programación cultural do Auditorio do Centro Cultural Xuvenil do segundo semestre de 2024, cunha completa oferta de espectáculos que comeza o sábado 5 de outubro e se desenvolverán case todos os fins de semana ata finais de ano.
“Tras os excelentes resultados do primeiro semestre, que rexistrou un aumento do 41,54% na asistencia total respecto ao ano anterior, a nova axenda aposta por manter o éxito acadado, combinando teatro, musicais, maxia e monólogos dirixidos tanto para público infantil como adulto”, explica a concelleira de Cultura, Caridad González.
“Desde o Concello de Muros animamos á veciñanza a participar desta variada oferta cultural, que segue a consolidar o auditorio como un espazo de
referencia para a cultura local e galega”, engade a alcaldesa, María Lago.
O primeiro semestre de 2024 rexistrou un aumento significativo na ocupación media do auditorio, acadando un 73% medio de ocupación, o que demostra a gran acollida tanto do público infantil como adulto. Este crecemento reflicte o compromiso do auditorio por ofrecer unha programación variada e de calidade, apoiada polo convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Entre as obras máis destacadas deste semestre inclúense ‘O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada’, de Esther F. Carrodeguas;
‘Perdón que che chapuse’, de Quenchedera Teatro; ‘Rock'N'Magic’, de Mago Teto; ‘Vacas, guerras, porcos e cregos’, de Quico Cadaval; ‘O auto do Castromil’, de Mofa e Befa, ou ‘Pum Pum, quen hai?’ de Artika Cía.