Martes. 15.10.2024
El tiempo

"No momento no que tomas consciencia de que estás sendo vítima da violencia machista, a saída está en solicitar apoio"

"No momento no que tomas consciencia de que estás sendo vítima da violencia machista, a saída está en solicitar apoio"
cim-muros Centros de Información á Muller, como o de Muros (na imaxe) ofrecen atención psicolóxica e asesoramento de forma gratuíta Os datos sobre os casos de violencia de xénero son, cando menos, estremecedores. Catro asesinados en pouco máis de 24 horas durante a semana pasada; máis de 950 mulleres asasinadas por violencia machista en todo o estado dende que hai estatísticas; 40 vítimas no que vai de ano (entre elas a muller asasinada en Canduas o pasado mes de agosto), das cales tan só cinco presentaran unha denuncia previa contra o seu agresor. Este é o panorama co que traballan día a día os centos de Centros de Información á Muller que ofrecen de forma gratuita asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e información. Falamos coas profesionais que traballan no CIM de Muros.
  • QPC: Os casos de violencia de xénero non cesan, que é o que falla?
Probablemente sexa un cúmulo de factores: as carencias á hora de relacionarnos e de afrontar os conflitos, a necesidade de incidir na prevención, coeducación, igualdade... a difusión que se fai dende os medios de comunicación, o modelo de sociedade na que vivimos, etc.
  • QPC: Cal é o camiño a seguir para conseguir unha sociedade igualitaria?
Seguir traballando no eido da igualdade efectiva e real en todos os ámbitos, desmitificando estereotipos e traballando, sobre todo, coas nas novas xeracións.
  • QPC: Cal debería ser a prioridade en materia de prevención?
A educación é o piar fundamental, na casa, nos centros educativos e no que engloba a sociedade en xeral. É prioritario fomentar valores como a empatía, autoestima, respecto por un/unha mesmo/a e polos demais, os bos tratos, etc. centro-informacion-muller-muros As traballadoras do CIM de Muros destacan que o medo a denunciar é un dos maiores problemas cos que se atopan no seu día a día
  • QPC: Que debe facer unha muller que está sendo vítima da violencia machista?
Pedir axuda, tanto se se trata de violencia no día a día (psicolóxica, física, sexual, económica) coma si se trata dunha agresión puntual. No momento no que tomas consciencia de que estás sendo vítima da violencia machista, a saída está en solicitar apoio e ser capaz de escapar. A premisa principal ante unha agresión é poñerse a salvo. Ante un perigo inmediato, se é posible, solicitar axuda no 016, é gratuíto e non deixa pegada, e aí actívase o protocolo de emerxencia. Se houbo agresión debese acudir ao centro de saúde e/ou hospital. Presentar a denuncia é o paso que máis lles costa dar ou no que máis indecisas están, polo xeral. Dende o CIM contan coa atención e apoio (gratuíto) das profesionais que o conforman: psicóloga, asesora xurídica e educadora social, abarcando tanto a vítima coma ao entorno familiar se o precisa.
  • QPC: En concellos rurais como os da Costa da Morte, é doado denunciar sen que se saiba?
Precisamente ese é o medo que teñen, creen que vai ser público e non debe ser así. Independentemente de que sexa un concello rural ou unha cidade partimos da base de que todas/os somos profesionais e iso implica a garda do secreto profesional. O que sí que é certo é que se acontece un suceso, da índole que sexa, nun pobo é mais doado que se espalle a información, pero a nivel de rúa, a nivel profesional non deben existir filtracións.
  • QPC: Son suficientes os recursos dispoñibles para atenter a unha vítima de violencia de xénero?
É evidente que todo se pode mellorar. A día de hoxe existen en Galicia diferentes recursos. Están os CIM, casas de acollida así coma o centro Centro de Emerxencia e o de Recuperación Integral, para mulleres que sofren violencia de xénero, dispositivos, etc. Ao que quizais se debería de dar unha volta é a maneira á que están enfocados ditos recursos, xa que parten da base de afastar á vítima do entorno ou de tela en vixilancia cando, probablemente quizais fose máis efectivo realizar ese afastamento e vixilancia ao agresor.
  • QPC: Aplicacións para móbiles, números de teléfonos gratuítos e sen pegada,... que máis necesitamos?
Máis prevención e divulgación para concienciar e desmitificar a falsas crenzas do amor nas parellas.  

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/enviado-a-prision-provisional-e-sen-fianza-o-acusado-de-matar-a-sua-parella-en-canduas/ “Consternación e repulsa ante o asasinato de violencia de xénero de Canduas” — Que pasa na costa “Falece unha muller en Canduas por un posible caso de violencia de xénero” — Que pasa na costa Fonte  

Comentarios