venres. 31.10.2025
El tiempo

A Santa Compaña sobrevive ao Halloween no Samaín do Campo de Cortes

Samain no Campo de Cortes
A Santa Compaña sobrevive ao Halloween no Samaín do Campo de Cortes

Nestes tempos nos que parece que perdimos o Día de Defuntos, e o Samaín só sobrevive ao Halloween nas escola, e para iso, con serias dificultades, cómpre poñer en valor as iniciativas que tratan de facer as cousas máis auténticas posibles. Por iso, temos que viaxar ata o Campo de Cortes, aló entre Louro e Muros, na Capela de San Marcos, para descubrir a iniciativa que vai facer a veciñanza do lugar a través da AC O Rumial.

No canto de apostar por ese importadísimo truco-trato, a veciñanza do Campo de Cortes quere recuperar as lendas do país, como é a Santa Compaña. E para iso prepara unha Rolda de Samaín polo medio do monte. “Eu teño 45 anos, non son tan vello, pero é o que nós facíamos polo Día de Difuntos non ten nada que ver co que fan agora os nenos, que non saben nin que é a Santa Compaña, cando para nós era algo que tiñamos sempre moi presente nestas datas. Agora todo é halloween, truco-trato… lamenta Jesús, un dos membros da Asociación veciñal.

Así, a parroquia propón unha completa finde de participación, que comezará cun obradoiro o venres para preparar os vestidos de medo, e prepararse conxuntamente para a rolda sabatina polo camiño da capela arriba. “A idea é facer partícipes á rapazada e para iso armamos un “Obradoiro de Enxeñería pantasmal”, coa idea de que se fagan os seus propios”, explica. A cita será o venres ás 17:30h na mesma capela de Espírito Santo, no Campo de Cortes.

Xa o sábado, ás 18:00h da capela, sairá a Rolda convertida e comitiva terrotífica da Santa Compaña. Pasará por varios lugares como as eiras da vila, cruceiros… e remata noutra capela que hai no medio do monte, onde Dani Blanco contará “Historias de terror para corpos miúdos”.

Ao remate da roldiña, tras gozar do camiño de volta, organizarán un Fiandón na Eira do Lugar (ou nun ghalpón en función do tempo), unha tradición que se fai no Bierzo, que basicamente consiste en escoitar aos nosos vellos falando arredor do lume, acompañados dunhas castañas e uns callos. “Queremos intentar recuperar o que se facía tamén aquí, cando se xuntaban os vellos en dous espazos, na Eira do Lugar e na porta da capela do Espíritu Santo”, explica Jesús, sinalando que teñan idea gravalo para que quede algo de patrimonio inmaterial destas conversas que os nosos maiores terán, desta volta, arredor das romarías e festas da zona.

A xornada rematará a partir das 21:00h cunha foliada aberta, con algo de cea e postres típicos da data.

Comentarios